Arousa fai cola para Tokio 2020, Wimbledon ou un Mundial en Francia

AROUSA

MARTINA MISER

O piragüismo local pelexará por volver aos Xogos, con Bouzas e García engordando de novo a tropa de elite da zona fóra de España

09 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo ano arrinca con moitos nomes e motivos para a ilusión entre o deporte arousán capaz de proxectarse máis aló das fronteiras de España. Nomes que practicamente calcan aos da tropa expedicionaria de elite coa que contou a comarca no 2019, e dos que se agardan moitas boas noticias ao longo dunha axenda deportiva 2020 cos Xogos Olímpicos como eixo central. Estas son, de partida, as grandes bazas para espertar o fervor dos afeccionados e demais veciños orgullosos do sur da ría de Arousa ao longo dos meses que veñen por diante ata o próximo 31 de decembro; un ano no que ben poderían ver a un dos seus competindo en grandes citas de Tokio, París ou Londres.

piragüismo

Teresa Portela e compaña? en Tokio. Pendentes aínda onte, a menos de sete meses para o arranque do programa dos Xogos Olímpicos, de que a Real Federación Española publique o groso dos seus criterios de selección, poucos dubidan de que a canguesa afincada no Grove Teresa Portela vaia a ocupar o K1 200 feminino hispano nos que serían os seus sextos Xogos Olímpicos, tras conseguir a praza para o país co seu bronce no último Mundial. Outras catro mulleres arousás optan a acompañala na magna cita. A catoiresa Carla Frieiro (As Torres-Romaría Viquinga), a grovense Natalia García (Breogán do Grove) e a pontecesureña Camila Morison (Náutico Pontecesures) teñen a posibilidade de optar ao K1 e K2 500 que, posteriormente, deberían conquistar senllos billetes a Tokio no Preolímpico Europeo do 6 e 7 de maio en Racice (Chequia); da mesma forma que María Pérez (Náutico O Muíño) no C2 500, ou o seu compañeiro de club Manuel Fontán no C2 1.000. Farano á vez que buscarán un oco no Europeo e Mundial Júnior e Sub-23 de xullo, citas ás que tamén aspirará o kayakista de Meis Iago Monteagudo. En maratón, os breoganistas Ton Campos, Diego Romero e Tania Elizabeth Álvarez loitarán por repetir o seu brillante 2019 no Europeo de Budapest (23 a 26 de xullo) e o Mundial da localidade norueguesa de Baerum (27 a 30 de agosto). 

Tenis

Os torneos centrais do Grand Slam júnior no punto de mira. Jéssica Bouzas podería estar ultimando a súa viaxe a Australia para disputar o primeiro torneo do Grand Slam Junior da tempada, se é que este se chega a disputar polos graves incendios que sofre o país austral. Pero o alto custo económico e a falta de recursos suficientes para cubrilos levou á tenista vilagarciá, desde o pasado luns número 43 do ránking mundial ITF Tennis Junior, a renunciar ao Open de Australia. Entre os obxectivos de Bouzas para o 2020 está xogar polo menos as dúas citas centrais do Grand Slam Junior, o parisiense Roland Garros, a primeira semana de xuño, e o londiniense Wimbledon, na primeira quincena de xullo, mentres comeza a facer camiño no circuíto profesional no seu último ano Sub-18. 

Vea

Jacobo García, a por o dobrete no seu ano de licenciatura. Será o 2019 un ano imposible de esquecer para o vilagarcián Jacobo García García, tras conquistar o pasado verán en augas da súa terra natal o subcampeonato europeo da clase preolímpica 420. No 2020 o regatista do Real Club Náutico Sanxenxo pretende pechar a súa etapa de deportista de formación asaltando os dous grandes podios da súa modalidade. Dúas citas programadas para o mes de xullo, primeiro o Mundial en Francia, e posteriormente o Europeo en augas italianas. Para iso, Jacobo García, a última perla da estrañada sección de vela do Liceo Casino, deberá gañarse a praza na selección hispana de 420 no Campionato de España que se disputará en Semana Santa en Cádiz.

Atletismo ou kenpo, chamados a dar tamén novas alegrías no ano do adeus de Veloso

Outros deportistas que deberían volver facer oír o nome de Arousa fóra de España son os de Raquel Meaños, Pedro Muñoz, Mónica Touriño ou César Veloso.

Meaños estréase no 2020 na categoría Sub-23, a que precede á sénior no mundo do atletismo. Tras conquistar no 2019 o ouro nacional en pista cuberta e o subcampeonato ao aire libre Sub-20 nos 800 metros, e acabar duodécima no Europeo da categoría en Boras, Suecia, a vilagarciá, cuarta de España absoluta en pista cuberta o ano pasado, pelexará no 2020 por manterse na elite estatal do mediofondo, e gañar a praza na única cita da selección hispana Sub-23 este ano, o Campionato Mediterráneo, en xuño na Nucía.

A nivel internacional agárdase seguir tamén ao vilagarcián Pedro Muñoz Fole no Europeo e Mundial de Kenpo, nos que é vixente campión en varias modalidades; do mesmo xeito que á catoiresa Mónica Touriño, da que se agarda repita participación nas grandes citas internacionais de canicrós o próximo outono, tras unha nova campaña na que ameaza con outro repóker de títulos autonómicos e nacionais.

Do que non cabe dúbida é de que o 2020 será lembrado nos anais do deporte arousán polo adeus de Veloso á bicicleta profesional ao termo da tempada tras 20 anos de éxitos; o último talvez, por que non, un terceiro título da Volta a Portugal.