A Terceira máis esixente da década

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

oscarVIFER

Nunca os tres primeiros acumularan tantos puntos como agora

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Terceira División da presente tempada está a converterse na competición que presenta un dominio máis abafador dos conxuntos que encabezan a táboa dos últimos anos. O ritmo de puntos que están a manter Ourense CF, Compostela e Barco non admite parangón. Non sucedeu nada igual nas últimas Ligas. É verdade, que na campaña 2012-13, aquel Racing de Ferrol que caeu en Terceira arrasou por completo e a estas alturas xa tiña 39 puntos na táboa nunha traxectoria espectacular. Pero entón, o segundo clasificado, que era o Compostela, tíñase que conformar con 27, que lle valía para ocupar a segunda praza entón, pero que o colocaría na cuarta posición da clasificación na actualidade.

É ese o único precedente na presente década no que o líder na xornada quince tiña máis puntos que cos que conta agora o Ourense Cf. E máis aló do que faga o primeiro clasificado é especialmente notable o que está a suceder cos equipos que o secundan na táboa. Porque que o primeiro teña 36 puntos xa quedou escrito que non é un fito. Agora ben, os 35 puntos que ostenta o Compostela, que é o segundo, si que non hai ninguén que se achegou a eles nos últimos tempos, e xa se botamos unha ollada un banzo máis abaixo e comprobamos que o Barco é terceiro, con 34, dános unha idea do dominio absoluto que está desenvolvendo ese tridente. O Barco, con esa puntuación, ostentaría a estas alturas o xersei de líder en moitas das últimas tempadas.

E mentres, o Arousa que? Pois os de Rafa Sáez van sobrevivindo. Pelexando por liderar o pelotón dos «outsiders». Se os arlequinados se levasen a vitoria no encontro da pasada fin de semana habían establecida a súa marca de puntos na 15.ª xornada da competición. Agora afrontarán os de Vilagarcía duelos directos ante os fanfurriñeiros da competición, que servirán para valorar as súas opcións de clasificarse entre os catro primeiros.