Gonzalo Barral: «Para Vilagarcía é imprescindible contar cun novo ambulatorio»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Barral xubílase logo de 30 anos atendendo a xente no centro de saúde de San Roque

08 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Dezaseis anos traballados no hospital de Montecelo e trinta de servizo e atención ao público no centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía, suman 46 anos de dedicación ao eido da sanidade pública galega. 28 deles, representando aos seus compañeiros dende diferentes xuntas de persoal tanto no Salnés coma en Pontevedra, a través do CSIF. Se alguén pode falar con coñecemento de causa dos problemas cotiás no eido sanitario, este é sen dúbida Gonzalo Barral (Ribadumia, 1954), que vén de se xubilar.

-Tamén foi vostede concelleiro.

-En Valga, onde vivo, de 1987 a 1999, catro no goberno e o resto na oposición. E durante doce anos fun tamén representante no consello do colexio de Baño.

-Falamos, está claro, dunha vocación de servizo público.

-A verdade é que sempre me gustou. Non é o mesmo que unha persoa acuda á Facenda, á Seguridade Social ou a unha entidade bancaria que a un centro de saúde. A xente vén á sanidade cando ten un problema, un problema de saúde, e necesita a máxima e a mellor atención. A miña ilusión foi sempre esforzarme porque a persoa marchase contenta e tranquila, ata onde chegaban as miñas posibilidades.

-Que balance fai logo de tanto tempo en San Roque?

-Estou moi agradecido aos usuarios, porque de verdade que vou pola rúa e saúdanme coma se fose eu un veciño máis de Vilagarcía. Marcho moi contento polo traballo realizado e por como a xente o comprendeu.

-Se alguén coñece ben este ambulatorio é vostede.

-Si, dende o ano 90 estiven en contacto permanente cos usuarios de San Roque. Tamén vivín a súa ampliación.

-E que me di de como está?

-Ben, eu creo que este centro está xa obsoleto. Hai un problema de común coñecemento, que son as temperaturas fóra do normal no verán, sobre todo polas tardes. Non hai profesional nin usuario que o resista, e non poden poñer aire acondicionado porque a estrutura do edificio non o permite. Para Vilagarcía é imprescindible contar cun novo ambulatorio, que mesmo liberaría de carga o Hospital do Salnés.

-E o resto da comarca? Hai problemas en moitos centros.

-Vamos a ver. Eu vexo que hai dúas vertentes. Por unha banda, é certo que en ceras categorías non hai listas para contratar, caso dos pediatras. Pero tamén é verdade que non pode ser que un centro de saúde quede en ocasións sen ningún médico, caso de Catoira. O Sergas pode ter problemas para contratar, admítoo, pero os servizos hai que mantelos. Eu levo anos reclamando melloras para o centro de saúde de Vilanova. Ou para Ribadumia, o concello no que eu nacín e no que tiven a sorte de traballar un ano. E tampouco entendo o peche de consultas en Cambados, que debería funcionar como quince anos atrás, con todas as consultas e os servizos. O que están facendo é colapsar o PAC.

-Que me di de Montecelo? Foi onde vostede comezou, non?

-Pois mire, cando se inauguraba, en 1973, eu estaba nun dos ascensores co ministro Fernández de la Mora. Montecelo precisa un hospital novo. Pontevedra, capital de provincia, necesita un hospital máis grande. E déixeme dicir que, dende o meu punto de vista, a perda dos concellos da zona norte, A Estrada, Lalín, A Golada, en favor de Santiago, prexudicou a Pontevedra. A menos pacientes, menos medios, menos persoal. Foi prexudicial.

-Vai botar moitas cousas en falla.

-Sobre todo os usuarios e os meus compañeiros, polos que sempre din a cara e aos que lles agradezo moitísimo o seu apoio.

-E a que vai dedicar o tempo?

-Á miña familia, que o merece. Á milla muller, aos meus dous fillos, dos que non podo estar máis orgulloso. E ás miñas dúas netas.