Os patinetes xa non poden circular polas beirarrúas nin polas zonas peonís de Vilagarcía

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Ravella aplicará de inmediato as instrucións da DXT, pero agardará para adaptar a súa ordenanza

06 dic 2019 . Actualizado ás 20:36 h.

A instrución urxente que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) acaba de cursar con respecto ao uso de patinetes eléctricos foi aplicada con carácter inmediato en Vilagarcía. Así o confirmaron onte fontes municipais, que subliñan que as medidas están en vigor e, polo tanto, este tipo de vehículos non poderán seguir circulando nin polas beirarrúas nin polas zonas que foron peonalizadas.

Cuestión distinta é que Ravella adapte nestes momentos a ordenanza municipal. A razón é sinxela. «É razoable agardar a que o Goberno do Estado aprobe a modificación do regulamento xeral de circulación para, posteriormente, incorporar os cambios á normativa local». Doutro modo, podería darse o caso de que «houbese aspectos que non coincidisen, e fose necesario volver modificar a ordenanza».

En resumidas contas, e á espera de que se materialicen os cambios normativos, existen xa unha serie de restricións que os usuarios dos vehículos de mobilidade persoal deben ter en conta. Nada de percorrer as beirarrúas nin as zonas reservadas para os peóns. A instrución da DXT aínda debe ser desenvolvida, pero o lóxico é que utilicen a calzada e, quizais, os carrís bici. Esta é unha cuestión que os concellos terán que regular. Martín Paz, que traballa con este tipo de patinetes no seu establecemento Marti Motos, de Vilagarcía, sostiña xa este criterio hai meses: «O razoable é que circulen por zonas 30, por carrís bici e pouco máis».

A 25 quilómetros por hora

Aínda que os modelos máis potentes poden exceder os cincuenta quilómetros por hora, Tráfico corta radicalmente as alegrías dos usuarios neste sentido. Os patinetes eléctricos non poderán superar os 25 quilómetros por hora e unicamente poderán transportar a unha persoa. Quen suba a bordo un paquete arríscase a pagar cen euros.

Non se establece unha idade mínima para empregar esta clase de vehículos. Tampouco é necesario dispor de permiso de circulación. Nin sequera dunha póliza de seguro. Pero non pode empregarse nin o móbil nin portar auriculares. Tampouco conducir un patín baixo os efectos do alcol ou de calquera sustancia psicotrópica. Para rematar, se é de noite, o piloto precisará iluminación e vestir pezas reflectoras.

As multas

por invadir as áreas peonís

elévanse a

douscentos euros