Detectado un caso de paperas no instituto Fermín Bouza Brey

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os alumnos que non teñan padecido a enfermidade, en pleno repunte, ou dubiden da súa vacinación deben acudir ao médico

19 novs 2019 . Actualizado ás 15:45 h.

Aínda que figura no calendario de vacinación infantil desde 1981 -demoninada tripla vírica, adminístrase aos doce meses e aos tres anos de idade xunto coa da rubeola e o sarampión-, a parotiditis, coñecida popularmente por paperas, experimenta repuntes periódicos xa que, entre outras cuestións, os anticorpos protectores descenden co paso do tempo. Este outono, Galicia está a experimentar un notable incremento deste tipo de episodios, particularmente virulentos no tramo de idade que media entre os 15 e os 24 anos. De momento, a enfermidade foi detectada con maior profusión nas áreas sanitarias de Santiago e Vigo, pero a comarca do Salnés tampouco é allea a este fenómeno. Onte, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou a existencia dun caso no instituto Fermín Bouza Brey de Vilagarcía.

Fuentes do Sergas e da dirección do propio centro explican que o virus afecta a un alumno que cursa un ciclo formativo. Atópase, polo tanto, no rango de idade que máis padeceu a enfermidade nos últimos anos. A Xefatura Territorial de Sanidade púxose en contacto cos responsables do instituto do Piñeiriño, que difundiu xa entre a comunidade educativa as medidas que a consellería recomenda activar ante esta situación. Para empezar, os alumnos que non teñan padecido as paperas, ou que dubiden sobre se no seu momento lles foron administradas as dúas doses da tripla vírica, deben acudir ao seu centro de saúde de referencia para que o médico revise o seu calendario de vacinas.

A vacinación en si non altera a rutina diaria, e é posible acudir ao centro educativo con absoluta normalidade. Cuestión distinta é que o estudante ou as súas familias sospeiten que poida ter contraído a enfermidade. Se ese o caso, e ademais de recorrer ao médico, teñen que absterse de acudir, non xa ao instituto, senón tamén a calquera outro tipo de actividade ou foro colectivo nos cinco días seguintes ao descubrimento dos síntomas. O principal é a inflamación da glándula salivar parótida. Trátase dunha enfermidade contaxiosa, de aí a necesidade dese illamento de cinco días, a fin de evitar que se estenda.

Contaxio pola saliva

A parotiditis está provocada por un virus que se transmite a través da saliva e as secrecións de boca, nariz e garganta, polo que un simple estornudo, unha tose ou unha conversación poden abondar para o contaxio, do mesmo xeito que compartir obxectos e tocar superficies coas mans sen lavar. Por iso, tamén se recomenda a calquera persoa que teña mantido unha relación de proximidade cun enfermo, a unha distancia inferior a un metro e durante quince minutos, que revise o seu calendario de vacinación e, ante a dúbida, acuda ao médico.

As paperas, explica o Sergas, poden transmitirse desde dous días antes de que as glándulas salivares comecen a inflamarse ata cinco días despois de que se manifeste.