Mulleres que poñen nun aperto ao conselleiro de Medio Rural

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

González enfrontouse voluntariamente a un auditorio cheo de labregas e respondeu a todas as súas reivindicacións

16 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis información do sector primario en www.lavozdegalicia/somosagro/

Xiana Domínguez é viticultora en Terra de Trives e dirixe unha pequena adega nunha zona na que o abandono da terra é unha constante desde hai anos. Ela decidiu regresar alí cando ao seu pai lle diagnosticaron unha enfermidade dexenerativa e asumir o mando da adega familiar, Chao do Couso. A súa é a historia doutras moitas mulleres que atoparon no mundo rural unha saída profesional e que onte, aproveitando a celebración do Día Internacional das Mulleres Rurais, saíron á luz. As súas palabras puidéronse escoitar no marco dunhas xornadas organizadas polo Capítulo Serenísimo do Albariño en Adegas MartínCódax . Outro dos relatores era o conselleiro de Medio Rural, José González, quen tras ofrecer a súa charla, non dubido en abrir unha quenda de preguntas. E as presentes, entre elas Xiana, preguntaron, criticaron algunhas das súas propostas e aproveitaron para reclamar que o medio rural precisa de servizos.

«O macizo central ourensá é unha zona moi castigada pola despoboación. E eu creo que no rural hai futuro, pero non temos 4 G, nin comunicacións e tardamos unha hora en chegar ao hospital máis próximo», tivo pensado ao titular de Medio Rural. «En Chandrexa de Queixa chegou a haber 16.000 cabezas de gando e hoxe non queda nin unha, En Folgoso do Courel hai 2.800 hectáreas de soutos abandonados. Necesitamos unha lei que nos permita recuperar todo iso. O resto virá so», respondeu González.

O titular de Medio Rural asegurou que é intención do seu departamento pór en valor o medio rural e facer que sexa atractivo para que os máis novos atopen nel un medio de vida. «A moitos de nós botáronnos do rural, agora temos que convencer aos mozos para que volvan e para iso no rural ten que haber una actividade económica rendible», asegurou. Argumentou que moitas zonas de Galicia están completamente abandonadas e que, por iso, resulta tan importante a lei de recuperación da terra na que está traballando o seu departamento. Esta permitirá axilizar o funcionamento do banco de terras, garantindo aos donos da parcela que van cobrar os seus alugueiros, e crear polígonos agroforestais, que apostou por dedicar sobre todo ao cultivo do viño. Insistiu, ademais, na importancia do turismo para fomentar o sector vitivinícola. «Temos que ser capaces de crear restaurantes e hoteis nas nosas adegas», insistiu. E por aí chegáronlle as segundas críticas. «Se abrimos restaurantes e hoteis nas adegas que pasa cos que xa existen? Pechámolos?», preguntou outra das asistentes na quenda de preguntas. «Con iso buscamos atraer aos enoturistas, que hoxe non chegan aquí. E se conseguimos iso, eses visitantes van facer gasto tamén nos negocios do arredor. Temos que fomentar actividades que atraían turismo todo o ano», insistiu á vez que lembrou a estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas na que está traballando o seu departamento.

González tamén destacou o papel importante que a muller ten no medio rural galego, onde xestiona máis do 50 % das explotacións gandeiras. E presentou un congreso sobre desenvolvemento rural que se celebrará en novembro na Cidade da Cultura e no que as mulleres terán un papel protagonista.