O restaurante histórico no que Lola Torres se cruzou con Ernest Hemingway

Rosa Estévez
rosa estévez O Grove / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O premio de gastronomía vaise este ano a Madrid, a Casa Botín, o establecemento máis antigo do mundo

10 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

En casa Botín soou un día o teléfono. Era a Fundación Guinness das Marcas para comunicar aos propietarios deste local, aberto desde 1725, que o seu era o restaurante máis antigo do mundo. Onte, no local situado no Madrid dos Austrias, volveu soar o teléfono. Esta vez, a chamada chegaba desde O Grove, onde o xurado do premio de gastronomía tradicional Lola Torres acababa de decidir concederlles este galardón de proxección nacional, que lle será entregado en abril no Centro Superior de Hostalería . «Estamos encantados; a nosa casa sempre estivo moi ligada a Galicia», di Antonio González, o xerente deste negocio. Para mostra, un botón: boa parte dos traballadores deste establecemento de hostalería teñen as súas orixes na nosa terra.

Quen nos fala é a terceira xeración da familia González-Martín, que nos anos trinta do século pasado colleu as rendas dun negocio que xa se sabía antigo, pero «no que os nosos avós primeiro e os nosos pais despois, tiveron que traballar moi duro para poder sacalo adiante». Lograron facelo. Por unha banda, porque nunca perderon de vista que «o máis importante é dar para comer á xente» e conseguir satisfacela. «Para nós, este negocio é case como un ser vivo; case dependemos animicamente de que a xente se vaia contenta de aquí», explican. Parece que o logran case sempre, e iso que «non somos infalibles». Unha das claves do seu éxito é o «coidado case neurótico que pomos na elección do produto; nós facemos unha cociña tradicional, non de autor, e a materia prima é crucial».

Ese rigor culinario, sumado a «algúns golpes de sorte», fixeron que Casa Botín converteuse nun referente obrigado da gastronomía madrileña. «Un golpe de sorte foi o do Guinness, por exemplo, que nos deu moita visibilidade», explica o xerente. Tanta, que son moitos os comensais que chegan ata aquí buscando o sabor da historia e saen namorados da tradición do vello forno alimentado con leña de aciñeira, do cochinillo, do cordeiro asado, da pescada do petisco...

Con algún deses pratos conseguiron os avós e os pais dos actuais propietarios seducir a Ernest Hemingway, que frecuentou o local. Tanto lle gustou, que lle reservou espazo nas páxinas de dúas das súas novelas, Morte na tarde e Festa. «Moita xente chegou ata aquí buscando o lugar no que se inspirou Hemingway».