Marea dá Vila pide unha comisión para vixiar que a Xunta cumpra coa EDAR

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A formación esquerdista advirte das sucesivas promesas en saco roto da administración autonómica ao longo dos últimos anos

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A portavoz de Marea dá Vila, María de la O Fernández, proporá na corporación municipal de Vilagarcía a creación dunha comisión de estudo e seguimento dedicada a vixiar que a Xunta de Galicia cumpra co seu último prazo para a ampliación da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que con urxencia precisa a capital arousá. Unha comisión que, defende Fernández, é necesaria ante a dúbida que xera a promesa da administración autonómica a un ano das próximas eleccións ao Parlamento de Galicia, e despois dos reiterados incumprimentos do goberno de Núñez Feijoo respecto da EDAR.

Así, a portavoz de Marea dá Vila mostra a súa preocupación polo feito de que, apunta, «o anuncio da mellora da rede de saneamento e da ampliación da EDAR se faga nas proximidades dunhas eleccións autonómicas cando as promesas deste investimento veñen dende o 2013 e que, no 2016, e antes de rematar a anterior lexislatura autonómica, se informara a Alberto Varela -o alcalde de Vilagarcía- de que as primeiras licitacións do proxecto terían lugar durante a mesma. Unha lexislatura máis tarde, regresan as promesas», conclúe. Dispor dun elemento de vixilancia como a comisión solicitada antóllase pois necesario na súa opinión.