Alberto Blanco amplía ao 2023 o seu contrato coa selección de Eslovaquia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Seguirá traballando con Zan Tabak, co que conectou ao 100 %

19 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«Aos dez días de estar a traballar con Zan Tabak sentín que isto ía ir para moi longo». E a realidade apunta na dirección da corazonada de Alberto Blanco. O técnico vilagarcián rubricaba o martes xunto ao adestrador e ex estrela do baloncesto croata unha ampliación do contrato de dous meses que asinaran este verán coa Federación Eslovaca como seleccionador nacional, Tabak, e como o seu primeiro axudante o arousán. A pesar de non ter logrado clasificar ao combinado eslavo para o Preeuropeo 2021 en agosto, con dúas derrotas ante Romanía e outras tantas vitorias sobre Chipre, o traballo do tándem Tabak-Blanco convenceu os reitores do baloncesto eslovaco de que son os idóneos para desenvolver un proxecto a longo prazo, co 2023 como data de finalización da súa nova relación contractual.

Alberto Blanco puña onte en contexto o traballo realizado entre o 27 de xuño e o 23 de agosto de cara a unha clasificación para o Preeuropeo que se antollou imposible: «Eslovaquia é unha selección moi nova, con moi poucos xogadores seleccionables, que non cobran por ir á selección. En quince días lesionáronsenos os dúas bases. Entre lesións e renuncias, tivemos que recorrer a algúns xogadores que nin sequera estaban na preselección que Zan fixera de 22». Sen os dous maiores valores do baloncesto eslovaco, o aleiro do F.C. Barcelona, Kuric e o pivote do Obradoiro, Brodziansky o técnico arousán enxalzou o traballo dos deportistas: «Portáronse extraordinariamente durante estes dous meses». E a pesar de todos os condicionantes, «pechamos o verán cun balance de 8 vitorias e 3 derrotas, o primeiro balance positivo de Eslovaquia en moitos anos, e tamén a primeira vez en moitos anos que gaña partidos a domicilio».

O reto de aquí ao 2023 é facer crecer a unha selección que arrincou o verán no posto 75 do ránking FIBA. O próximo ano, cunha concentración de quince días en xullo que dará paso a outros tantos en China , onde a Eslovaquia de Tabak e Blanco rodarase nun torneo ás portas dos Xogos Olímpicos de Tokio, que verán por televisión.

A oportunidade chegoulle a Blanco recentemente pechados catro anos no Lietuvos Rytas lituano. «Cando me chamou Tabak díxome que buscaba un axudante de primeiro nivel. E pediume que actuase coma se fose un primeiro adestrador, que criticase as súas decisións, que fóra moi esixente con el», conta o vilagarcián. «Sentinme moi cómodo con Zan», polo que en canto lle presentaron a proposta para continuar catro anos con Eslovaquia, «non o dubidei», afirma.

«Con todos os adestradores cos que puiden traballar, Tabak é de longo o que mellor traballa a defensa. Para min foi unha clase mestra», sinala Blanco , que tratará de aproveitar o aprendido no seu novo club de destino. Palencia, co que comezou a traballar menos de 24 horas despois de completar a súa primeira experiencia con Eslovaquia.

En Palencia Alberto exercerá de axudante de Carles Marco. O seu primeiro club en LEB Ouro que elixiu, subliña, en detrimento de prazas economicamente máis zumentas por varias razóns: «Por estar preto da miña familia, por ser un club con moi boas referencias, e porque me chamou Carles Marco, un adestrador en ACB en 1-3 anos».