Collen a unha muller sen seguro, carné, nin ITV do coche por tirar unha cabicha polo portelo

a. g. A Illa / LA VOZ

AROUSA

PROPIAS

O importe das sucesivas multas achégase aos dous mil euros

01 sep 2019 . Actualizado ás 21:07 h.

Ás veces, os xestos máis nimios son os que che poden levar aos máis grandes problemas. Iso foi o que lle sucedeu a unha muller, con domicilio na Illa, cando circulaba co seu vehículo polo territorio insular. A arousá estaba ao volante dun Seat Córdoba polo Paseo do Naval cando non se lle ocorreu mellor cousa que tirar unha cabicha polo portelo en lugar de depositala no cinceiro.

O xesto foi visto por unha patrulla da Policía Local, que procedeu a interceptar o vehículo. O cigarro xa a saíu caro á muller, porque lanzalo polo portelo está castigado con douscentos euros de multa e a retirada de catro puntos no carné. Foi esa a primeira das malas noticias que se lle acumularon. Axiña que como os axentes procederon a constatar os seus datos comprobaron que o coche estaba sen asegurar (1.500 euros máis de multa) e que non pasara a obrigada ITV (200 máis). E a cousa non quedou aí porque resulta que a muller estaba a conducir sen puntos ao perdelos e non facer un curso para recuperalos. Todo un completo de sancións.

A marea e os coches

Os axentes da Illa tamén tiveron que intervir para localizar a un persoa que deixara o seu coche aparcado nun lugar no que a marea o comezou a engulir. Resultou ser un veciño de Majadahonda, ao que localizou a policía madrileña, e que chegou xusto a tempo para retirar o vehículo.