O PSOE proponse desbloquear a mancomunidade

Serxio González Souto
s. gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

BEA COSTA

Os socialistas poñen o asunto en mans dos avogados e convocan a concelleiros dos nove concellos

31 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O bloqueo da Mancomunidade do Salnés, que o seu presidente en funcións, o popular Gonzalo Durán, négase a convocar ata que o xulgado do contencioso ditamine se son ou non necesarias determinadas medidas cautelares, parece ter colmado a paciencia dos socialistas da comarca. O puño e a rosa é a formación que máis vocais sentará na futura xunta xeral e a que controlará, pase o que pase nos tribunais, o seu comité executivo, pois cinco dos nove alcaldes da comarca son socialistas. Agora, o PSOE dá un paso adiante para romper a estratexia de Durán Hermida.

Onte, os rexedores e representantes dos nove concellos (Vilagarcía, O Grove, Cambados, A Illa, Meis, Ribadumia, Meaño, Vilanova e Sanxenxo) que conforman a mancomunidade reuníronse cos seus asesores legais. O seu obxectivo, estudar as medidas xurídicas que están nas súas mans para convocar o pleno constitutivo do órgano comarcal e pólo en marcha nesta nova etapa, superando a negativa do alcalde de Vilanova.

Durán aproveita a ocasión brindada polos recursos que Meaño Independente e un particular presentaron contra a elección dos vogais de Meaño, por decidirse nunha votación secreta. Os demandantes piden que se suspenda dita elección en tanto o xulgado do contencioso non dite sentenza. Este proceso pode requirir meses e meses. Claro que Durán non ten présa. Leva catro anos ocupando o cargo en funcións.