O encoro do Umia leva mes e medio en alerta

La Voz CALDAS / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

A pesar do verán inestable, a lámina de auga xa está de cor verde

07 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O encoro da Baxe, en Caldas de Reis, é un das tres presas de Galicia que están en estado de alerta pola presenza de cianobacterias nas súas augas. É o único pantano da provincia de Pontevedra que está nesta situación, xa que os outros dous -Cecebre e As Forcadas- sitúanse na provincia da Coruña. O encoro do Umia entrou en alerta o pasado día 24 de xuño, hai un mes e trece días. E así continúa, xa que non se produciu cambios na súa situación.

A pesar do verán inestable, con días nubrados e algunhas xornadas con precipitacións, a lámina de auga xa está de cor verde debida á alga Microcystis. O feito de que a presa estea ao 73,5 % de ocupación -segundo o boletín hidrolóxico do 29 de xullo- contribúe a que a situación non empeore. A eutrofización do pantano é un proceso natural que se sucede cada verán desde o 2006, cando se descubriu tras o incendio e posterior vertedura química de Brenntag ao río Umia.

Altas temperaturas, máis horas de luz solar e un exceso de nutrientes son o caldo de cultivo perfecto para que proliferen estas cianobacterias. Segundo os datos oficiais da Xunta de Galicia, na presa había o 2 de agosto 33.250 células potencialmente tóxicas de Microcystis por mililitro de auga. Na captación de Segade, en Caldas, rexistrábanse 4.500 células e na cola, 250 células o 24 de xullo.

Ata este martes estes eran os datos máis actuais dos que se dispuña. Polo momento, a presenza da alga non afectou aos sistemas de depuración. A Consellería Infraestruturas de prevé iniciar este agosto a reforma da depuradora de residuais (EDAR) de Paradivas, en San Andrés, para reducir a achega de nutrientes.