Veloso presenta credenciais á xeral da Volta a Portugal calcando o tempo do gañador da prólogo

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Joao Fonseca Photographer

Finalizou a 19 centésimas do seu compañeiro  Samuel Caldeira

31 jul 2019 . Actualizado ás 23:03 h.

Declaraba na véspera Gustavo César Veloso que chegaba ben á nova edición da Volta a Portugal. E en canto tivo ocasión, ofreceu a primeira demostración de que así é. Na súa especialidade, a contrarreloxio, o vilagarcián calcou nos 6 quilómetros do trazado urbano de Viseu o mesmo tempo do gañador do día, o seu compañeiro Samuel Caldeira. O esprinter luso, único supervivinte xunto ao propio Veloso daquela primeira versión da actual estrutura do W52-F.C. Porto que abrira os seus seis últimos anos de tiranía na xeral da Grandíssima, cubría o percorrido en 7 minutos, 28 segundos e 13 centésimas. O vilagarcián facíao en 7.28.32, co líder do Swiss Race Academy suízo Gian Friesecke colándose entre ambos en 7.28.27.

Thibault Guernalec (Team Arkea Samsic) foi cuarto a 1 segundo, con outros dous homes do W52-F.C. Porto ocupando espazo entre os dez primeiros clasificados: António Carvalho, quinto a 4 segundos dos tres primeiros, e Daniel Mestre, décimo a 8. Entre ambos os dous, Mikel Aristi (Murias), sexto a 6 segundos, Cyrille Thièry (Swiss R.A.), sétimo a 7 segundos, como Joni Brandão (Efapel), o sobre o papel rival directo de Veloso pola xeral mellor colocado, no oitavo posto xusto por diante de João Matias, a 8 do primeiro líder da Volta a Portugal.

Pouco despois de chegar á meta, Gustavo César declarou que «tentei minimizar os riscos» sobre un trazado que combinaba asfalto e empedrado de diferentes dimensións, retorcido en curvas e algún que outro tobogán. «Fun a morte onde se podía ir ben, e nas 2-3 curvas onde podía perder, non arrisquei», explicou, ao tempo que se alegraba do triunfo do seu compañeiro no mesmo escenario onde Gustavo gañara a contrarreloxio que pechara a Volta do 2017.

O xoves, primeira etapa en liña. 174,7 quilómetros con saída en Miranda do Corvo e chegada a Leiría cun porto de primeira, dous de cuarta e un de segunda nos cen primeiros quilómetros.