Veloso arrinca a Volta a Portugal co dorsal 1 nun equipo sen xerarquías

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

As baixas dos gañadores das tres últimas edicións, Alarcón e Vinhas, deixan o liderado do W52 á espera da ditadura dun percorrido dos máis duros que lembra Gustavo

31 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Volta a Portugal arrinca a primeira hora da tarde de hoxe, co seu tradicional prólogo. Unha contrarreloxio urbana de 6 quilómetros polas rúas de Viseu. E na liña de saída, como vén acontecendo ininterrumpidamente desde o 2013, o vilagarcián Gustavo César Veloso, que tomará a saída último, co dorsal número 1.

A listaxe definitiva de corredores dos 19 equipos en carreira rectificou a ausencia do gañador da rolda lusa do 2014 e do 2015, e segundo nas edicións do 2013 e 2016. O W52-F.C. Porto rematou por dar de baixa os dous últimos vencedores da Grandíssima, Rui Vinhas (2016), que chegaba curto de preparación, e o español Raúl Alarcón (2017 e 2018), ao non se ter recuperado plenamente das lesións sufridas mes e medio atrás no Gran Premio Abimota, con rotura de clavícula incluída. E con todo, Veloso, que manifesta que «sempre estiven confiado en estar no equipo para a Volta», non se ve a si mesmo de partida como xefe de filas.

Nin a el, nin a ningún dos seus seis compañeiros do W52-F.C. Porto: «Temos un cadro de corredores que permite facer ata dúas aliñacións para a Volta a Portugal». Ata o punto de que, sinala, «case calquera pode liderarnos, agás os esprínteres», Samuel Caldeira e Daniel Mestre.

A escadra de Porto conta con dous escaladores puros como Edgar Pinto e Antonio Carvalho, ambos asiduos no Top 10 da Grandíssima, co primeiro sabedor do que é rematar subido no podio dos tres mellores da xeral ao termo da carreira. Xunto a eles, dous homes que, coma o vilagarcián, debuxan un perfil de ciclistas todoterreo: Ricardo Mestre, gañador da gran rolda lusa no 2011, e João Rodrigues, o benxamín do conxunto de Gustavo César, que aos seus 24 anos aparece como un dos corredores portugueses con maior proxección, como proba o seu triunfo na xeral da Volta ao Alentejo o pasado mes de marzo.

Así as cousas, preguntado polo seu punto de partida, Veloso fala dun W52-F.C. Porto sen xerarquías de saída ante a ausencia do gañador das dúas últimas edicións da Grandíssima, Raúl Alarcón. O plan do vilagarcián, probar na estrada que segue a ser quen de conquistar a rolda lusa, ou do contrario, exercer de gregario de luxo para o mellor dos seus compañeiros, como xa fixera nos tres anteriores anos: «Vou coa intención de tentar facer o mellor prólogo posible, e sacarlles vantaxe aos escaladores. Se o equipo mo permite, ir un pouco resgardado ata Torre -o único porto de categoría especial, meta da cuarta etapa e tumba das aspiracións do arousán na Volta do 2018, vencido pola forte calor-. E en Torre ver como estou. A partir de aí, se saio por diante, imaxino que o equipo me dará os galóns para tentar gañar a xeral; e se non, a traballar para outro compañeiro». Dito isto, o bicampión da Grandíssima puntualiza: «Se na segunda etapa o equipo dime que me teño que poñer a tirar, a tirar» para situar a calquera dos seus outros compañeiros á fronte dunha carreira «co percorrido dos máis duros que recordo», analiza o galego. Con tres decenas de dificultades montañosas, e seis das súas nove etapas en liña -a décima é a tradicional contrarreloxio individual- con final en alto, a metade entre o especial de Torre e as chegadas de primeira categoría de Montalegre, na Serra do Larouco, na sétima etapa, e do Mondim de Basto, na Señora da Graça, na véspera da crono do derradeiro día.

Polo que a el respecta, Gustavo César Veloso deixa claro que «eu sei que chego ben», en 69 quilogramos de peso logo das súas dúas concentracións en altura nos dous últimos meses. De 20 días en Navacerrada, e a recente dunha semana en Manzaneda; nesta compartindo experiencia un ano máis co seu amigo e porén rival no Sporting Tavira o estradense Álex Marque. Mais, fiel a si mesmo, o vilagarcián ten claro a que se dedica: «Estou ben, pero sempre tendo en conta que formo parte dun equipo, que está por amais das individualidades». E ese equipo, subliña, «é de novo o rival a bater», coa estrutura que desde o 2013 vén gañando ininterrumpidamente, con diferentes nomenclaturas, a gran rolda lusa.

 

O Efapel, á fronte dos rivais

A lista de rivais polo trinfo na xeral dada por Veloso é, un ano máis, do máis extensa. Desde a dupla formada por Álex Marque e Tiago Machado, á do Boavista con Daniel Silva e João Benta, ou Vicente García de Mateos, do Louletano. Con outros catro equipos continentais profesionais ademais do W52-F.C. Porto, os españois Caja-Rural e Murias, o Israel Cycling Academy e o Arkea Samsic francés. Pero se hai un bloque que poida disputarlle o control desta Volta ao equipo de Veloso ese é, di o vilagarcián, o Efapel de Joni Brandaõ, de Sergio Paulinho e de Henrique Casimiro.