A asociación xuvenil XAS lanza unha campaña de apoio á visita do Rainbow Warrior

s. g. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

El Rainbow Warrior, en una imagen de archivo
O Rainbow Warrior, nunha imaxe de arquivo ÁLEX ZEA. EUROPA PRESS

Un «photocall» permitirá fotografarse e difundir a través das redes a protesta contra a decisión da Autoridade Portuaria de non ceder un peirao para as actividades de Greenpeace

22 jul 2019 . Actualizado ás 20:58 h.

Os membros da asociación Xuventude Activa en Sinerxia (XAS) están decididos a apoiar activamente a chegada do buque insignia de Greenpeace a Vilagarcía, prevista para o mércores pola tarde. Ante a negativa da Autoridade Portuaria de ceder un dos seus peiraos para o desenvolvemento do amplo programa de actividades que a organización ecoloxista propón, XAS convoca para este martes, a partir das once e media, un photocall aberto a todos quen desexen mostrar o seu respaldo á visita do Rainbow Warrior III.

A iniciativa desenvolverase na rúa García Caamaño, xunto á praza de abastos. As fotos subir ao Facebook da asociación, e o hashtag #HaiCalado servirá para difundir a mensaxe de apoio. «Nun ano coma este, no que millóns de mozas saímos as rúas para gritar que non hai un planeta B, denunciamos xestos coma este [refírense á postura da Autoridade Portuaria] que pouco ou nada responden as aspiracións que demostramos compartir», lamenta o colectivo xuvenil.

A cuestión do calado á que fai referencia XAS ten o seu sentido, posto que o peirao do Ramal dispón de sete metros, suficiente para os 5,1 que necesita o Rainbow Warrior para atracar con garantías. No 2002, o Juan Sebastián de Elcano reuniu alí nun só día a once mil visitantes. O Porto alega, agora, que as normas sobre a seguridade cambiaron e son moito máis restritivas.