Adeus musical a Manso

elisa pérez / s. g.

AROUSA

Martina Miser

Os temas máis entrañables de Vilaxoán Canta despediron ao seu director de sempre nun concerto multitudinario e emotivo

22 jul 2019 . Actualizado ás 21:31 h.

 Este serán non foi doado para Salvador Cores, Manso. Disgusto e melancolía era o que sentía o coñecido acordeonista vilaxoanés ao despedirse de Vilaxoán Canta despois de corenta e tres anos de música. A idade e a enfermidade obrigaron a Manso a deixar a agrupación, aínda que promete axudar na sombra ao novo director de Vilaxoán Canta, Álvaro Cardalda, «só se a cabeza a teño ben».

 

A pesar de que non estaba «nin animado nin eufórico» por abandonar a coral, onte demostrou, unha vez máis, na praza de Rafael Pazos de Vilaxoán, o seu compromiso e paixón eterna pola música e os veciños da súa localidade natal, moitos dos cales se converteron dende hai tempo nos seus seguidores máis fieis. Onte estaban todos aqueles que quixeron dicir adeus a Manso, responsable da composición das máis de cen cancións que forman parte do repertorio de Vilaxoán Canta.

A actuación deu inicio cun dos seus temas célebres, «Vilaxoán del alma», ao que seguiron as cancións populares «Hace un año que yo tuve una ilusión» e «La caña dulce», entre outros. A intepretación de «Mirando al mar» de Jorge Sepúlveda, e «A muiñeira de Armenteira» tamén soaron na pasada noite.

O acordeonista Salvador Cores agradece «por todo» á Coral Máximo Patiño, «alma máter de Vilaxoán Canta».