Jéssica Bouzas conquista en Suíza o torneo ITF de Derendingen

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

A vilagarciá reaparece no circuíto mes e medio despois, tras ter axudado ao ascenso de Liga a un club francés

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A alumna vilagarciá da Academia Tenis Ferrer, Jéssica Bouzas Maneiro, coroábase onte campioa do J3 Derendingen, torneo de Grao 3 do circuíto mundial ITF Tennis Junior sobre terra batida. Fíxoo impóndose por un contundente dobre 6-3 á xogadora canadense Bianca Jolie Fernández, número 840 do mundo.

Bouzas asinou unha competición redonda, sen ceder un só set. O primeiro día derrotaba 6-1/6-4 á estadounidense Rosie García Gross, número 352 do ránking ITF Tennis Junior, para superar en segunda rolda cun 6-3/6-2 á suíza Melody Hefti, número 420. Xa en cuartos a arousá, cabeza de serie número 2 do torneo, desfacíase cun 6-4/6-2 da número 5 no cadro individual feminino de Derendingen e 198 do circuíto mundial júnior, a austriaca Irina Dshandshgava. O venres o seu último escollo camiño da final foi outra tenista local, Alina Granwehr, 278 do ITF Tennis Junior, que caeu aos pés da galega por un dobre 6-4.

O título no torneo helvético reportaralle a Jéssica Bouzas 100 puntos ao seu ránking persoal. Netos, por canto a alumna da Academia Tenis Ferrer non defende este verán ningún punto, ao pasarse o estío do 2018 en branco durante a recuperación dun problema nun dos seus ombros. Deste xeito, é de agardar que mañá luns Bouzas goce dunha notable subida no ránking ITF Tennis Junior, que esta semana arrincaba no posto 141, con 371,75 puntos no seu haber.

As cinco semanas de ausencia de Jéssica Bouzas no circuíto mundial obedecen a unha nova experiencia na súa carreira. Aproveitando a normativa internacional, e dado o interese do club correspondente, a xogadora do C.T. Barcelona permitiuse dedicar os cinco anteriores fins de semana a colaborar, de xeito activo, ao ascenso de categoría do Pouliguen nas ligas de clubs de Francia. Unha nova entrada na folla de méritos dunha Jéssica Bouzas que non se resigna a pechar o 2019 sen estrearse nun dos torneos do grand slam, júnior.

US Open e DGAN

Dada a extrema proximidade de Wimbledon, a mira da vilagarciá está posta no US Open do próximo outono. Consciente de que para acceder a el deberá roldar a cota dos 500 puntos no ránking ITF Tennis Junior, a alumna da Academia Tenis Ferrer intentará sumar o máximo posible de torneos durante os próximos tres meses. O primeiro, o que a semana que vén iniciará, tamén en terras suízas, sobre terra batida, e de Grao 3, en Neuchâtel. Farao gozando do seu recente rexistro como Deportista Galega de Alto Nivel por parte da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.