Un verán coa pelota, a raqueta e en patíns

La Voz

AROUSA

ÓSCAR VíFER

O Concello mantén aberto o prazo de inscrición para participar nas Escolas Multideportivas e en varios torneos

13 jun 2019 . Actualizado ás 22:18 h.

Coa chegada do verán, os concellos ofertan numerosas actividades deportivas para ocupar o tempo de ocio dos rapaces e axudar á conciliación de vida familiar e laboral. No caso de Vilagarcía, organiza as Escolas Multideportivas e os tradicionais torneos de tenis, bádminton e trimaratón 3x3.

A participación nos tres torneos é de balde e a cota nas escolas é de 12 euros mes e 18 por dous meses, con desconto do 25 % para familias numerosas e gratis para socios da fundación e familias cuxos ingresos non superen o IPREM. O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de xuño e os formularios de inscrición poden obterse a través do taboleiro de anuncios de www.vilagarcia.gal e deben presentarse nas oficina da Fundación, sitas en Fexdega.

No torneo de tenis, que cumpre a súa dezasete edición, celebrarase nas canchas de Fexdega a partir do 8 de xullo. Establécense catro categorías en función das idades. No apartado A participarán os xogadores e xogadoras nados entre os anos 2011 e 2007 (de 8 a 12 anos) e na B os nados entre o 2006 e o 2002 (de 13 a 17 anos). Na categoría absoluta masculina e feminina competirán os tenistas maiores de 18 anos e na categoría de veteranos os nados no ano 1968 e anteriores. En canto ao torneo de bádminton xogarase na modalidade de dobres cada venres dos meses de xullo e agosto no pavillón de Fexdega. Dispútase en categoría absoluta para persoas nadas no ano 2001 e anteriores.

O Trimaratón 3x3, que tamén chega á súa terceira edición, se disputará nas instalacións de Fexdega cada martes e xoves do mes de xullo e está dedicado á categoría promoción para rapaces nados entre os 2003 e 2001.

Pola súa banda, as Escolas Multideportivas de Verán están destinadas a nenos nados no período do 2005 ao 2011. Ofrecen a posibilidade de practicar varios deportes, e celebraranse dous días á semana en sesións de hora e media cada, en horario de mañá, unha na zona da Praia da Concha-Compostela, e a da escola de patinaxe en liña, en Fexdega.

Os interesados poderán inscribirse en unha das actividades ou nas dúas e elixir a participación durante un mes o dous. A cota xeral é de 12 euros por un mes e 18 polos dous. Maila isto, as actividades son de balde para os socios da fundación e para as familias cuxos ingresos non superen o IPREM. Tamén hai un desconto do 25% para as familias numerosas.

A maiores destas actividades, tamén segue aberto ata o día 21 de xuño o prazo de inscrición para as Escolas Náuticas de Verán de piragüismo e remo organizadas pola Fundación de Deportes.