O home que chocou co seu particular Mateu Lahoz

AROUSA

VITOR MEJUTO

Miguel Suárez afrontaba unha dura campaña fai vinte anos

24 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Houbo tempos nos que ir aos plenos era como ir ao teatro. E Vilanova era nosa particular Las Vegas, cun espectáculo tras outra ás horas máis insospeitadas, ademais. A guerra aberta que mantiñan o aínda alcalde Gonzalo Durán e o entón edil do BNG Miguel Suárez non tiña tregua. Chegou ata o Valedor do Pobo porque practicamente cada pleno se saldaba coa expulsión da sesión de Suárez, que cualificaba o que lle sucedía de persecución. O seu particular Mateu Lahoz botouno máis de medio ducia de veces, aínda que a reclamación ante o Valedor só podía acadar as catro últimas porque debía circunscribirse ao último ano. En realidade, iso das expulsións foi un modo que adaptou, de forma exitosa tendo en conte os resultados que ha ir cultivando desde entón, Gonzalo Durán, que viu como nalgún pleno antes de que el acadase o bastón de mando compañeiras de filas tiñan que abandonar a sesión antes de que concluíse. Iso si, avisando antes a algún fotógrafo para que inmortalizase a escena. O asunto é que Miguel Suárez era un home só e naquelas eleccións do 99 tiña ante si unha costa que faría palidecer as ramplas do Tourmalet. E sen dopaxe, que xa glosaba na entrevista o nacionalista que o albariño é «moito mellor que as bebidas enerxéticas esas». Suárez pasouse ao deporte das dúas rodas tras ter transitado polo fútbol. Non consta que co balón tivese máis expulsións que nos plenos. Si que consta que lle segue dando duro. Agora é un asiduo ao ximnasio da piscina de Fontecarmoa e quen coinciden con el afirman que sería capaz de facer a ascensión a Lobeira en menos tempo do que lle leva a Gonzalo Durán anunciar a construción dun auditorio en Vilanova. Iso si, sobre unha bicicleta das clásicas, porque as eléctricas, e máis se levan baterías Duracell (lembren aquel mítico anuncio que derivou nun chiste moi vilanovés), non lle convencerían nada. Anda agora xa retirado daquelas pelexas Miguel Suárez, que escolleu unha película cuxo título resumía á perfección o que el vivía en cada sesión plenaria vilanovesa: «Só ante o perigo».