Banderas azuis si, bandeiras azuis non?

s. gonzález / a. garrido O Grove / LA VOZ

AROUSA

ROSA ESTEVEZ

O Grove rompeu no 2016 co organismo que concede as insignias. Para o PSOE non achegan nada e EU aposta por un sistema de xestión de praias. PP e PGD, en cambio, queren a súa volta mentres o BNG pide rigor

18 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Verán de 2016. A ADEAC, o organismo que concede as bandeiras azuis, meteu a man nun avispero ao querer forzar ao Grove a compartir con Sanxenxo a bandeira azul da praia da Lanzada. Aquel xesto foi a gota que colmou o vaso da paciencia do goberno socialista de José Cacabelos, que levaba anos dubidando de que o esforzo realizado para obter esas insignias valese realmente a pena. Así que, desde entón, nos areais mecos non ondean os panos azuis, o que cíclicamente xera un debate encadrado na política turística do Concello.

PSOE

Un debate superado. O candidato á reelección, José Cacabelos, sostén unha postura firme: «As bandeiras azuis non aportan absolutamente nada». O rexedor culpa da ruptura do 2016 «ao organismo privado que as concede, que foi inxusto co Grove e desprezou os veciños, meténdose en debates políticos». Nestes tres anos, afirma o rexedor, «os turistas non só non presentaron ningún tipo de queixa por este tema na nosa oficina de información, unha das máis visitadas de toda a provincia, senón que este foi o período con máis afluencia de xente dos últimos dez anos». A Cacabelos preocúpalle manter un alto nivel de calidade ambiental e de servizos: «Praias que respecten o medio ambiente, que se limpan individualmente, sen maquinaria, conservando as dunas e a fauna, praias sen papeleiras que se convertan en puntos limpos, respectuosas e sensibles, cunha accesibilidade mellorada, con socorristas con mellores medios, con desfibriladores nas cinco praias principais...». O resto, conclúe o número uno do PSOE, «é non ter máis vista sobre o turismo que as bandeiras azuis e Fitur», algo que observa particularmente no PP.

Partido popular

Un distintivo recoñecido a nivel mundial. Beatriz Castro mantén unha opinión radicalmente distinta á do seu opoñente socialista: «Bandeiras azuis, si, porque son un distintivo de calidade que a xente recoñece a nivel mundial, que garante o perfecto estado de mantemento, a boa calidade das augas e a adecuada prestación de servizos durante a época estival». A candidata popular subliña que ADEAC, a fundación que as outorga, non cobra por iso, e que, se o PSOE optou por romper con ela, foi por «ocultar a súa incompetencia ou porque, simplemente, prefiren non investir en limpeza e seguridade nos nosos areais». Os populares acusan o Concello de non ter socorristas máis que entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, de non preocuparse por que A Lanzada conte cun chiringuito «imprescindible» na súa parte central. «A xente non quere as liortas que monta o señor Cacabelos, senón servizos e diálogo».

Esquerda unida

O importante é a calidade. José Antonio Otero pide unha reflexión máis profunda que un mero si ou non. «Estamos totalmente a favor do mantemento e da limpeza dos nosos areais, e de dotalos de servizos e accesos que se adecúen as características de cada unha delas». Para o candidato de EU, esta aposta pola calidade é fundamental, máis aló dun deseño que foi importante no seu día: «Hoxe o que necesitamos é un sistema de xestión da calidade das praias, normas ISO, Q de Calidade, ou certificación europea EMEAS, que ademais dun distintivo aporte un plan de xestión que nos permita traballar nos areais todo o ano». Por certo, Otero lembra que ADEAC carece de ánimo de lucro, pero si cobra ás institucións pola xestión dos seus galardóns, que deben ser renovados cada ano: «Cada vez máis localidades do litoral cuestionan as bandeiras azuis por ser só un distintivo, como exemplo San Sebastián e La Concha; porque se temos que pagar por un galardón deberiamos, cando menos, recibir a cambio unha ferramenta para a xestión do recurso».

BNG

Información «sen mentiras». O BNG culpa da perda das bandeiras «ao alcalde e a un desencontro que non soubo xestionar, anunciando que se ían pola Q de Calidade, mentindo e incumprindo, algo moi típico nel». Heladio Outeiro, que se mostra moi crítico neste tema, considera que é o momento de «deixar de mentir e enganar» para decidir que servizos vanse prestar nas praias e sinalizalos. «Se é preciso cun código propio, pero con información e rigor».

PGD

Un distintivo é imprescindible. Félix Lamas dá un si rotundo ás bandeiras azuis. «Temos o privilexio de contar cunhas praias inmellorables e debemos ter un distintivo internacional que as recoñeza e prime os valores ambientais. O que non podemos facer é quitar o que tiñamos e non poñer nada». Lamas defende uns servizos da máxima categoría, e acusa ao PSOE de actuar cunha dobre vara, «pois o plan estratéxico da Deputación si recolle as bandeiras».