O BNG vaise a por a alcaldía de Cambados cunha visión global

Serxio González Souto
serxio gonzález CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Caamaño presenta os cinco primeiros postos da súa candidatura cun perfil aberto ao diálogo e á cohesión

10 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Para Víctor Caamaño esta non será unha campaña máis. Non se trata só, explica o candidato do BNG, de apartar ao Partido Popular do bastón de mando en Cambados, cousa que sucedeu fai catro anos. O seu obxectivo, agora, pasa por crecer ata estar en situación de liderar o goberno municipal. Noutras palabras, que a alcaldía recaia no Bloque.

Para intentalo, Caamaño contará con catro compañeiros nos primeiros postos da súa lista. «A característica máis importante que deben ter non é un determinado perfil técnico, porque técnicos hai na plantilla do Concello, o importante é saber organizar grupos de persoas, espírito democrático e estar afeito a formar parte de grupos sociais nos que ti non tes toda a capacidade de decisión», sinala o candidato nacionalista, nunha evidente chiscadela á aposta polo diálogo, consciente de que a coalición entre varias forzas seguirá sendo a fórmula máis probable dun goberno alternativo ao PP.

Niso, dalgunha forma, insistiu tamén Caamaño ao reivindicar o papel do BNG no cuadripartito estes últimos catro anos. Non só en canto a xestión cultural, deportiva ou educativa, senón tamén en tanto que «formación imprescindible para manter ese goberno, e ser quen de que todos os seus integrantes se levasen da mellor maneira posible e puidesen traballar xuntos».

Lonxe das propostas puntuais, que se suceden sen unha articulación clara, Caamaño sostén que o BNG presenta para Cambados unha proposta global e integrada. Acompáñao, no número dous, Mariel Oubiña, profesora vinculada ao mundo do voleibol e do deporte feminino. No tres, Liso González, membro do movemento asociativo en Corvillón e de Xironsa. No catro, Esther Serrano, traballadora do sector da alimentación e sindicalista. Para rematar, no quinto posto, Isidoro Bugallo, mariscador a pé da agrupación de Castrelo.