Unha hora pondo a muller no seu sitio

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A Gala do Deporte Feminino Galego reclamou a igualdade de trato e de consideración ao esforzo e aos méritos da metade da poboación

04 may 2019 . Actualizado ás 00:00 h.

A Gala do Deporte Feminino Galego recoñeceu a primeira hora da noite do venres no Auditorio Municipal de Vilagarcía as persoas e entidades que, polos seus méritos, máis sobresaíron ao longo do pasado 2018. Cun palmarés de quince categorías encabezado por unha Ana Peleteiro cuxas obrigas deportivas lle impediron acudir á cita, caso doutras galardoadas como as campioas de Europa Sub-19 coa selección española de fútbol Tere Abelleira e Malena Mieres. Un acto que cumpriu coa súa vocación de servir de altofalante a un deporte feminino que, denunciou por enésima vez a presidenta da asociación Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá), segue a un mundo de distancia da igualdade no trato e na consideración social do esforzo e dos méritos das súas protagonistas respecto ao recibido polo deporte masculino.

Mercé Barrientos tirou de estatísticas e da máis rabiosa e pouco edificante actualidade para subir ao estrado preguntas como «onde están ese milleiro de graduadas e de licenciadas en INEF en Galicia desde 1992 nos cadros dos clubs galegos?», ao tempo que cargaba contra a decisión do Tribunal de Arbitraxe Deportiva de obrigar a medicarse a atleta Caster Semenya e a outras mulleres coma ela con niveis de testosterona altos pola súa fisioloxía particular para deixalas seguir competindo. «Por que somos miopes?», espetou Barrientos espetou Barrientos nunha mensaxe contra a desigualdade de xénero á que se sumaron o secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, coorganizadora do acto, Carmela Silva, que repetiu o seu «somos a metade, queremos a metade».

Foi antes do reparto de galardóns desvelados semanas atrás: Peleteiro (mellor deportista), Susana Rodríguez (deportista con diversidade funcional), Abelleira e Mieres (promesas), Carla Abad (adestradora), Atlético Guardés (equipo), Nieves Gamallo (traxectoria), Zulema González (árbitra), Burela F. S. (directiva), Cidade de Lugo Fluvial (club), Deputación de Pontevedra (institución amiga do deporte feminino), Judith Rodríguez (mención especial) ou a Escola de Fútbol Feminino Rosalía (iniciativa a prol do deporte feminino). Unha hora longa pondo a muller (deportista) no seu sitio.