O PSOE de Vilanova aposta pola continuidade nos postos de cabeza da súa lista

La Voz VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Javier Deus foi reelixido polo PSOE de Vilanova para encabezar a candidatura socialista á alcaldía do municipio arousán. Na súa singradura estará acompañado, nos postos de saída, por dúas mulleres coas que xa leva anos traballando e conforman o grupo municipal actual: a avogada e asesora Sheila Ferreira, que é tamén a secretaria xeral da agrupación local, e María José Vales, quen ademais de ser concelleira é patroa maior da confraría vilanovesa.

Tras a aposta pola continuidade que supoñen os tres primeiros postos da lista, esta evoluciona coa incorporación de caras e nomes novos. Así, no número catro sitúase Fernando Santiago, enxeñeiro agrónomo. No cinco, Patricia Vidal, asistenta social. O seis é para José María Armas, que foi profesor en Corón e San Miguel, e o sete para Yasmina Somoza, enfermeira. O número oito estará ocupado por José Luis Tourís, actual concelleiro, que xa está xubilado.

Desde o PSOE vilanovés destacan varios aspectos da súa candidatura. En primeiro lugar, sinalan a ampla renovación acometida no groso da candidatura. Por outra banda, fan fincapé na mocidade do grupo e no peso específico das mulleres neste proxecto. De feito, son dúas mulleres as que ocupan os postos dous e tres. «Este partido é abertamente feminista», sinalan.