Aída García, campioa galega de duatlón en estrada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A vilagarciá impúxose con autoridade en San Cibrao, e agora aspira ao ouro estatal

11 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Aída García López deu o pasado domingo unha nova mostra do seu estado de graza nesta tempada 2019. A vilagarciá do Club Ciclismo Triatlón Poio coroouse na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas campioa galega de duatlón en estrada absoluta e, polo tanto, tamén veterana, a súa categoría por idade. Fíxoo ademais con autoridade, nunha hora e 51 segundos, 1 minuto e 19 segundos menos que a venezolana Edymar Daniely Brea, do A.D. Tri-Penta, e con 1.32 de diferenza sobre María Teresa Barreira, do Triatlón Ferrol, bronce autonómico.

Tratouse dunha carreira táctica, na que Aída García demostrou saber como administrar as súas forzas para exprimir o seu motor, e ao mesmo tempo unha extraordinaria capacidade de recoñecemento das súas rivais.

Sabedora do poderío de Brea nos segmentos de carreira a pé, a vilagarciá acoplouse ao reducido grupo que comezou a perseguir a venezolana cando esta se foi aos 300 metros da saída. Pero vendo que María Coya, do Fluvial, forzaba demasiado a máquina, García optou por baixar revolucións, e reservarse para o treito final dos primeiros 5 quilómetros a pé para volver acelerar e non perder moito tempo na primeira transición.

Aos 4 quilómetros do segmento ciclista -de 20-, atrapou a Brea, e tras probala varias veces, aproveitou unha curva de 90 graos e a sucesiva baixada para deixar atrás a súa rival. Na derradeira transición García temeu por un xemelgo que se lle subíu perigosamente, pero tras medio quilómetro comprobou que era un falso aviso, e acelerou para selar o seu triunfo.

Terceiro podio autonómico da tempada

O título no Campionato Galego de Duatlón en Estrada é o terceiro podio autonómico de Aída García esta tempada. Con anterioridade xa gañara a clasificación xeral do Circuito Galego da mesma disciplina, e a finais de febreiro colgárase a prata no Campionato Galego de Duatlón Cross. Nos tres casos, na categoría absoluta. Un cuarto posto no Autonómico de Ciclocross, unha modalidade na que se estreaba, pecha o máis salientable da súa folla de servizos ata hoxe.

Esta fin de semana, en Soria, Aída García pelexará o título absoluto no Campionato de España de Duatlón en Estrada. Será antes de participar no Mundial Multisport de Pontevedra.