O último esprint cara ao «play off»

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

OPA RACING

MONICA IRAGO

Os duelos directos entre os aspirantes determinarán a sorte final

23 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Dez partidos restan para que conclúa a competición de Terceira División e a pelexa por facerse cun oco entre as catro prazas que dan acceso á fase de ascenso é frenética. Tres equipos parece que teñen moitos boletos para atopar o seu posto nesa zona nobre da clasificación. Son o Racing de Ferrol, o Bergantiños e o Compostela que, por esta orde, encabezan a clasificación. Con todo, só parece, porque serán os enfrontamentos directos os que ditarán a sorte dos conxuntos implicados.

E nesa relación de aspirantes aparece tamén o Arousa, que, a pesar de que parecía descartado fai soamente un mes, volve estar na pelexa e colocarase a catro puntos da cuarta posición se é capaz de derrotar ao UD Ourense, que é quen agora a ocupa e o conxunto que visitará o campo da Lomba este domingo.

Os arlequinados, curiosamente, son dos que teñen un calendario mais despexado neste tramo final do campionato porque, á marxe do duelo deste domingo contra o UD Ourense, non se lles terá que ver con moitos máis conxuntos dos que están na pelexa pola cuarta praza. Soamente o Barco, que visitará A Lomba o 7 de abril, e o Choco, que tamén pasará polo campo vilagarcián.

Todas as contas que se poidan facer no vestiario vilagarcián pasan, en todo caso, polo partido de mañá no campo da Lomba. Un duelo ao que, ademais, os de Rafa Sáez chegarán con ganas de resarcirse da mala imaxe que deron no duelo do pasado domingo contra o Racing de Ferrol. Varios xogadores pasaron a semana pasada entre algodóns e da súa recuperación dependerán moitas das opcións dos vilagarciáns.