Renovan repertorio e formación

La Voz

AROUSA

Miguel Vidal

21 mares 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

Venres • 23 h • Barrantes • Encontro • 3 euros • Soaban ao que querían soar. Por momentos ásperos, case sempre escuros, brumosos. Como correspondía a aqueles mestres do blues anello e ferido dos que tomaban prestadas hechuras e melodías. E da penumbra asomaba a estampa e a voz de Andhrea. E facíase a luz sen que se chegase a apagar do todo a escuridade.

Cada concerto de Andhrea & The Black Cats é unha clase mestra de blues xenuíno. Todo un doutoramento en honra aos pioneiros que acostuman impartir o armonicista Ramón Figueira, Figui, apoiado pola discreta perfección de Benja Vazquez (guitarra), o preciso matiz de Aitor García (percusión) e o feitizo cativo de Andhrea Verdú.

Un claustro ao que agora se suma Lolo Martínez á tuba. «Achega uns baixos moi contundentes. Dalle un toque moi de New Orleans», conta Andhrea.

Non é o único cambio desta nova etapa. Da simple percusión pásase a unha batería completa. «Gañamos en matices». Diversifícase o repertorio. «Sen esquecer aos nosos referentes pero é un pouco máis festivo, máis bailable». E, non menos importante, incorporan temas propios.