O Depodesafío 2019 incluirá unha carreira nocturna en Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O circuito multideporte abre hoxe a súa inscrición

20 mares 2019 . Actualizado ás 21:00 h.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou onte a segunda edición do Depodesafío. Un circuito multideporte impulsado pola entidade provincial co obxectivo de promover o deporte e a saúde, concienciando a poboación da práctica do primeiro no medio natural dunha maneira respectuosa, sustentable e responsable, ao tempo que se promove o descubrimento de paraxes únicas polos concellos elixidos.

Desta volta, as cinco probas do circuito Depodesafío comezarán o 4 de maio cunha carreira nocturna a pé duns 15 quilómetros en Vilagarcía de Arousa. Tras esta iránse sucedendo unha proba de BTT de arredor de 35 quilómetros nas Neves o domingo 9 de xuño, unha travesía a nado en Poio de 1.500 metros a primeira fin de semana de xullo, un trail en Cuntis duns 15 quilómetros na primeira fin de semana de setembro; e como colofón, un triatlón de distancia esprint en Vigo na primeira quincena de outubro.

Carmela Silva informou da apertura hoxe das inscricións, subliñando o máximo de 500 participantes por proba. Limitado a maiores de 16 anos, mantéñense os premios principais para os gañadores das xerais feminina e masculina, para as que se terán en conta as catro mellores probas de cada deportista máis un bono de 50 puntos para os que compitan nas cinco carreiras do Depodesafío. Premios consistentes nun dorsal para participar na vindeira edición do Maratón de Berlín, cos gastos do voo e do hotel tamén cubertos pola Deputación. Ademais sortearánse outros dous premios iguais entre todos os participantes.