«Os policías mataron ao seu pai e as nenas seguen desamparadas»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

cedida

A familia de Marcio Pérez, asasinado no Brasil, explica a delicada situación na que están as súas fillas, menores de idade

11 dic 2019 . Actualizado ás 16:23 h.

José Antonio Santana, tío de Marcio Pérez, natural de Ponte Caldelas pero asasinado a tiros en Salvador de Baía fai seis meses, tívoo moi claro desde o principio. Sinalaba que quería xustiza para o seu sobriño e que lle gustaría que detivesen aos autores da morte -agora mesmo xa están en prisión preventiva os dous policías militares que supostamente lle dispararon-. Pero insistía por pasiva e por activa que para a familia o máis importante era salvagardar o futuro das dúas fillas de Marcio, menores de idade e residentes no Brasil. Indicaba que Marcio era o sostén económico da familia e que sen el as crías ían ter un presente complicado. Non se equivocaba. Onte cumpríase medio ano do crime e, tal e como contaba tanto José Antonio como Olivia Santana, a nai das nenas, o día a día non está a ser doado. «Os policías mataron ao seu pai e as nenas seguen desamparadas», resumía a nai desde Salvador de Baía.

Tanto José Antonio Santana como a nai de Marcio viaxaron recentemente a Brasil. Fixérono para arranxar numerosos papeis pero, sobre todo, para tratar de axudar ás dúas nenas e á súa nai. «Chegamos e tivemos que facernos cargo de pagar o colexio, o material escolar, o seguro médico ou a alimentación. Elas actualmente non están a recibir un só euro. E a súa nai non pode custear todo iso. Ela non está a traballar porque non teñen con quen deixalas. É incrible que Brasil, a pesar de ter a dous policías implicados na morte, estase desentendiendo de todo», indica José Antonio Santana.

Axuda de Exteriores

Conta tamén que actualmente están tramitando unha axuda a través do Ministerio de Exteriores de España, pero que teñen que nacionalizar primeiro a unha das pequenas, que non contaba con ese documento. Botan de menos que non haxa un acordo bilateral para tratar estes casos «e que non haxa menores que queden así, totalmente desamparados, porque as nenas teñen que comer, vestirse, ir ao colexio... e agora mesmo non teñen nada garantido. É tremendo».

Desde Salvador de Baía, Olivia Santana, nai das dúas fillas de Marcio, fala cunha mesma voz. «É todo moi inxusto. Eu non podo cobrar a paga por viúva, dinme que non ma van dar, e as nenas non teñen ningunha pensión agora mesmo», señaló. Tanto ela como o tío de Marcio indicaron que, aínda que o xuízo se celebre nun ou dous anos, os avogados xa lles advertiron de que a indemnización pode atrasarse moitísimo tempo máis.

Viaxar a Brasil permitiulle tamén á familia de Marcio Pérez saber como vai a investigación máis aló do feito de que os dous policías que supostamente lle dispararon estean no cárcere. José Antonio Santana indicou que a investigación segue indagando no móbil do crime. Non en balde, nun primeiro momento os policías dixeron que dispararan porque Marcio Pérez saltouse un control, pero ese argumento quedou desmontado moi rápido xa que nin estaban na súa zona de actuación nin sequera levaban as luces postas. O propio fiscal dixo que non tiña verosimilitud.

José Antonio Santana di que mesmo se está investigando, por mor dun comentario que se oe nun dos vídeos que gravaron as videocámaras que había na zona do tiroteo, «se se equivocaron de persoa e en realidade non querían matar a Marcio».