O partido máis emotivo do mundo

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O derbi entre o Xuven e o CLB renderá homenaxe aos falecidos no Sen Querer Dous

16 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Teófilo Rodríguez formou parte do primeiro persoal do Xuven que militou nunha categoría sénior. Sucedeu na campaña 1978-79. El era pivote, pero só xogou aquel ano cos cambadeses por motivos de estudos. Nunca se desvinculou do club. De feito, era o socio número trece.

Guillermo Casais non xogou no primeiro equipo, pero o seu cariño cara ao Xuven ea innegable. Foi directivo e a súa irmá Begoña é a actual vicepresidenta. O seu carné de socio levaba o número 61.

Teófilo e Guillermo formaban parte da tripulación do Sen Querer Dous que se afundiu o pasado mes de decembro e que tamén levou a vida doutros dous cambadeses, Manuel Serén e Bernardino Padín. Aquel suceso conmocionou non só a Cambados , senón a toda a comarca do Salnés e o Xuven escolleu o encontro de rivalidade que esta tarde (O Pombal, 18.00) xogará contra o CLB de Vilagarcía como o momento perfecto para homenaxear aos seus dous exdirectivos.

Non puido haber escollido mellor a xunta directiva que preside Antonio Lema o encontro. Tanto Teófilo como Guillermo foron directivos na época na que os derbis entre o Xuven e o Inelga enchían as bancadas do Pombal. Lonxe quedan xa para ambos os clubs aquelas épocas e hoxe as dúas entidades centran os seus esforzos en traballar coa canteira e aparcaron, non se sabe se de momento ou de xeito definitivo, calquera pretensión de sacar as camisetas de paseo fóra de Galicia.

Continuando coa vertente deportiva, o encontro pecha a primeira fase da competición da Primeira Galega e a el chegan ambos os equipos con todo listo. O Xuven terá que pelexar na segunda fase do campionato por evitar o descenso de categoría, nunha tempada moi complicada por todas as circunstancias que sucederon durante o verán, mentres que o CLB fíxose un oco entre os tres primeiros do seu grupo e xogará no grupo que terá o ascenso como punto de mira. No encontro da primeira volta, disputado no pavillón de Fontecarmoa, a vitoria caeu ao lado dos vilagarciáns por catorce puntos de diferenza (67-53).

Polo que respecta á vertente máis emotiva que presentará o encontro, os actos centraranse no descanso do partido. Serán os integrantes de Xironsa quen se encargarán de interpretar o himno galego, mentres que o presidente do club fará entrega aos familiares de Teófilo e Guillermo -que verán o encontro no palco de autoridades- de senllas placas nas que figurarán tanto o seu número de abonado como se reflectirá tamén o feito de que ambos foron nomeados socios de honra do club, por acordo da asemblea. Tamén recibirán dúas camisetas do Xuven nas que figurarán os seus nomes e os dorsais cos seus números de socios.

Entrada gratuíta

Evidentemente, a intención da directiva do Xuven é que o pavillón do Pombal quede pequeno nunha xornada tan especial. Por iso, decidiu que no encontro desta tarde a entrada sexa gratuíta e convocou a todos os seus xogadores da canteira -polo menos aos que poidan estar porque varios dos equipos ten compromisos a esa hora- para que tamén acudan ao pavillón para lembrar e homenaxear a dúas das persoas que fixeron posible que haxa baloncesto en Cambados.