Competición desestima o recurso do C.D. Ribadumia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Un partido de suspensión para Manu Bugallo por dobre amoestación, e dúas no caso de Eloy Fariña

14 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Un partido de suspensión para Manu Bugallo por dobre amoestación, e dúas no caso de Eloy Fariña «por dirixirse aos árbitros en termos ou con actitudes de menosprezo ou desconsideración, unha vez finalizado o partido». Estas son as sancións ditadas polo Xuíz Único de Competición do grupo galego de Terceira División, tras decidir desestimar os recursos presentados polo C.D. Ribadumia contra as expulsións que o colexiado do derbi fronte ao Boiro, o vigués Gabriel Quintairos, executou cos mencionados futbolistas unha vez xa rematado o partido. E iso, á marxe do boureo xerado no túnel de vestiarios ao recriminarlle un futbolista aurinegro ao visitante Paco que pouco antes lle partise un beizo a Bugallo no campo.

Razoa no seu fallo o Xuíz Único de Competición que, «vistas as alegacións formuladas polo C.D. Ribadumia achegando ás mesmas unha fotografía, e informe médico de asistencia urxente a Manuel Bugallo [...] Desestimar as mesmas, pois a proba videográfica visionada non permite desvirtuar a presunción de veracidade da acta arbitral, nin acreditar un erro manifesto evidente».

Desde o club aurinegro preferiron onte «non facer declaracións», apuntando tan só que «este -cos árbitros e Federación- é unha loita perdida».