Trescentos xadrecistas tomarán parte no campionato provincial

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A competición dispútase esta fin de semana no auditorio de Vilagarcía

18 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O auditorio de Vilagarcía acollerá ao longo desta fin de semana o campionato provincial de xadrez . Unha proba que é clasificatoria para o torneo autonómico e que estará organizada polo Club Xadrez Fontecarmoa e pola Fundación de Deportes de Vilagarcía.

Serán uns trescentos os deportistas que tomarán parte na competición, que estarán repartidos en sete categorías: absoluto, xuvenil, cadete, infantil, alevín, benxamín e promesas. O conxunto anfitrión é o que máis representantes terá na competición, con cincuenta xadrecistas en liza, seguido da Escola Xadrez Pontevedra e o Xadrez Marín. Outros localidades que terán unha participación significativa serán Vigo, O Grove, Bueu, Cambados, Nigrán, Mos e Portas.

Moitas esperanzas locais

O Xadrez Fontecarmoa, que está a obter resultados moi brillantes nos torneos nos que está a participar, parte como favorito para subir ao podio en practicamente todas as categorías. A clasificación para o campionato galego de moitos deles dáse practicamente por descontada.

Todos os participantes recibirán unha medalla conmemorativa, detalle de Deportes Rodas, un dos patrocinadores principais da competición.

A competición arrincará ás catro da tarde do sábado, xornada na que se disputarán as catro primeiras roldas do torneo nas categorías sub-8, sub-10 e sub-12, tres nas categorías sub-14 e sub-16 e dúas na sub-18 e a absoluta e concluirá na tarde do domingo.

A cerimonia de entrega de trofeos será ás 20.30 do domingo, tamén no auditorio. Haberá tres premios para cada unha da categoría e para a mellor clasificada en cada unha delas.