Presumindo de facer arder a auga

AROUSA

CEDIDA

15 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Galicia ten moitas cousas das que presumir. E os galegos, cada vez, somos máis conscientes diso. Por iso, o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia organizou onte unha visita de xornalistas especializados na materia a varias adegas da comarca do Salnés, a fin de mostrarlles como logramos aquí facer arder a auga. Durante a visita, o consello tamén achegou datos sobre o seu crecemento. Durante o ano pasado, a indicación certificou un 16% máis de destilados que durante o exercicio anterior. De acordo cos datos provisionais, «certificáronse ao redor de 385.000 litros de produto, o que supón un incremento en algo máis de 50.000 litros

con respecto ao exercicio anterior». Así o dixo José Antonio Feijoo, o presidente do consello. Ao seu xuízo, tamén foi bo o número de contraetiquetas expedidas durante o 2018. «Esta é a cifra máis fiable, xa que representa aquelas botellas que as empresas teñen previsto vender». Neste caso, o aumento rexistrado foi un 5% con respecto a 2017, pasando das 548.234 contraetiquetas a ao redor de 578.000.

Os datos son provisionais, pero marcan a senda do optimismo. «Aínda que non crecemos todo o que nos gustaría, o certo é que mantemos un incremento constante no tempo», din desde o consello regulador dos licores tradicionais.