«Doar debería ser un orgullo; parte do ser querido vai seguir vivindo»

O Chop ampliará a posibilidade de doar órganos de pacientes críticos

0

pontevedra / a voz

Celso García Estévez (Vigo, 1952) preside desde o ano 2008 a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi). Un colectivo que ten voluntarios e non socios e que dedica o seu tempo e os seus esforzos a difundir, xa desde o ámbito escolar, a importancia da doazón de órganos e tecidos para salvar vidas. Celso García sábeo en primeira persoa. El vive grazas a un transplante de fígado que recibiu hai vinte e un anos. A súa gratitude levoulle fai dez anos a crear a Adrovi.

-¿Por que costa tanto loitar contra as negativas familiares á doazón?

-Supoño que é unha cuestión de educación e de tempo. Non o entendo. En Galicia, por desgraza, estamos por encima da media de España. A nosa comunidade ten moito rural e talvez a información non chega con claridade a algúns sitios ou polo menos non chega a todo o mundo. Os galegos, sobre todo os que viven en poboacións rurais, son máis remisos a doar. Segue existindo ese culto ao cadáver e a ter os cemiterios á beira da porta de casa. Afortunadamente, cada vez incinérase máis porque se non non habería sitio para todos.

-Vostede recibiu un fígado. As familias que doan un órgano dun achegado non adoitan contalo. ¿Por que sucede?

-Non sei por que non o contan, pero é moi difícil darlle visibilidade cando non son doazóns en vida. Coñezo algún caso de xente que me di, ‘por favor, que non o saiba ninguén'. Ao principio é unha cuestión moi dolorosa para a familia, pero desde logo debería ser un orgullo porque unha parte dese ser querido vai seguir vivindo noutra persoa.

-En todo caso, é unha decisión que sempre hai que respectar.

-Desde logo. Hai que respectar, pero tamén hai que traballar para que a doazón se asuma como algo normal. Por iso damos charlas nos colexios. Os nenos e os mozos recíbeno ben e o importante é que se animen a doar de maiores.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

«Doar debería ser un orgullo; parte do ser querido vai seguir vivindo»