Obxectivo cumprido: reunidos 47 millóns de tapóns para os «Traxes de superheroes»

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

O equipamento permitirá que Amencer conte cunha pioneira terapia para persoas con parálise cerebral

12 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O reto non era pequeno. A finais de xullo, a Fundación Amigos de Galicia e Amencer uníanse e pedían un esforzo aos cidadáns para reunir nada menos que 47 millóns de tapóns. A fundación encargaríase da recollida e venda do plástico para tratar de reunir 12.500 euros. Con ese diñeiro pretendíanse comprar cinco traxes ortopédicos para que persoas con parálise cerebral, baixo a coordinación de Amencer, puidesen traballar cunha pioneira terapia chamada Spidersuit. Chamóuselle a campaña dos Traxes de superheroes pola similitude do equipamento ortopédico con capas como as de Superman, Batman ou calquera outro famoso personaxe con superpoderes. Pois o obxectivo deses 47 millóns de tapóns está cumprido. É máis, o director de Amigos de Galicia, Jesús Busto, daba a coñecer onte que xa se pediron a Alemaña os traxes.

Busto non escatimaba eloxios para todas as persoas que, con moitos ou poucos tapóns, participaron na recollida. E é que a dos 47 millóns de tapas foi a campaña máis ambiciosa de todas levadas a cabo pola fundación. O certo é que non puido ter mellor acollida, xa que a solidariedade funcionou á perfección e houbo unha implicación total de comercios, cidadáns do montón e, sobre todo, colexios. Isto último, a participación dos centros educativos, foi un dos puntos que máis destacou Jesús Busto: «Estamos ensinándolle aos nenos a reciclar o plástico e a maiores a ser solidarios. É algo moi bo para todos», indicou.

Se Busto estaba onte emocionado, igual de contenta mostrábase Mónica Touriño, xerente de Amencer. Indicaba que unha profesional desta entidade, a fisioterapeuta María Bernárdez, acudiu a un centro de Guadalaxara pioneiro en España nesta terapia a formarse. Agora, Bernárdez ocuparase de transmitir os coñecementos adquiridos aos demais fisioterapeutas de Amencer.

Que é o Spidersuit?

A terapia que se aplica cos traxes, o Spidersuit, é un tratamento intensivo neuromotriz. Axuda a mellorar a mobilidade das persoas con parálise cerebral. En Galicia trátase unha técnica pioneira. Amencer aplicaraa en Pontevedra pero poderán solicitala tantos usuarios dos seus centros como de fóra da entidade.