Seis días sen TAC no hospital do Salnés

Rosa Estévez
Rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O aparello estivo inoperativo por un «período técnico de actualización», o que obrigou a trasladar a Pontevedra aos pacientes que necesitaban realizar probas

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O sindicato médico CEMS-Omega denunciou onte que o Hospital do Salnés pasou seis días sen TAC. Seis días nos que as probas pautadas quedaron en suspenso, o que «suporá un incremento nas listas de espera», e seis días nos que os pacientes que non podían agardar pola realización da proba tiveron que ser derivados a Pontevedra. Así o explicaba onte Ramón Barreiro, portavoz do sindicato no Salnés. «Non sabemos a que se debeu o feito de quedarnos sen TAC. Pero, sexa cal for a causa, non é normal deixar a un centro sen servizo durante este período de tempo».

Segundo os datos que manexaba o facultativo, onte pola mañá a unidade de Tomografía Axial Computerizada seguía sen estar operativa. O Sergas, pola súa banda, anunciaba vía comunicado que ao longo do día de onte o aparello volvería entrar en funcionamento, recuperando así a súa actividade normal. Segundo explican desde a dirección da área sanitaria Pontevedra-O Salnés, o TAC estivo inoperativo para realizar unha «reparación técnica especial que, xa desde o pasado domingo, preveu reactivar esta unidade ao longo da presente xornada».

Ao sindicato CEMS-Omega esta explicación non lle vale. «Se hai que facer algún tipo de reparación programada, o normal é telo todo preparado para facer o cambio canto antes, e non deixar pasar tantos días sen servizo», razoa Barreiro, que lembra que hai un único aparello de TAC no centro de Rubiáns. Nese contexto, se a reparación se demora durante varios días, como foi o caso, son moitos os pacientes que ven minguada a calidade asistencial que reciben.

A opinión dos responsables da área sanitaria é ben distinta. Segundo argumentan, «durante este período técnico de actualización da aparataxe, a dirección do Hospital do Salnés programou un plan loxístico coordinado para atender estas probas diagnósticas mediante traslados a Pontevedra, nun proceso de continuidade asistencial que remata coa reactivación operativa do TAC no centro arousán».

O sindicato médico recoñece que ao longo dos últimos días deriváronse pacientes a Pontevedra para que se lles realizasen alí as probas que necesitaban. Tratábase, explican, de enfermos que non podían agardar para a realización dese exame. «Pacientes de urxencias, ou de planta, que necesitaban con prema que se lles realizase o TAC», sentencian. Os seus traslados á capital non só provocaron incomodidades para os enfermos, senón que supuxo complicacións extra «para a organización das viaxes en ambulancias e de encaixe das probas no servizo de Pontevedra, porque non andamos sobrados de medios». Ademais, outros moitos pacientes, que tiñan as súas exploracións co TAC programadas de antemán, quedaron sen poder realizalas de momento. Está por ver cando recuperan a súa cita.