«O cancro é moi hipócrita. Os enfermos calan para non ferir»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

Ramón Leiro

Unha mamografía foi a salvación de Isabel Lema ao descubrir a tempo un tumor que puido tratar e vencer

19 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Isabel Lema Lorenzo vese un pouco como esa «valente guerreira» do seu estado de WhatsApp. Hai dous anos e medio, cando tiña 53, diagnosticáronlle un cancro de mama. Descubriuno de forma casual e sen síntomas, lembra. «Non son nada hipocondríaca, pero un día ao saír da ducha vinme como un pequeno hoyuelo, moi pequeno, nun peito». Ela sentiu, non sabe explicar por que, que aquilo non era bo, a pesar de que o seu marido e a súa filla non lle deron importancia.

Enseguida pediu cita co seu médico de cabeceira, pero ao mesmo tempo chegoulle unha carta para facerse unha mamografía. Esa proba, di, foi a súa salvación. «Foi un tumor moi agresivo, pero collémolo a tempo», conta na sede da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Pontevedra. Cando aínda estaba a tratamento con anticorpos e radio fíxose voluntaria. «Animoume unha amiga a vir e iso que en casa levabamos vinte anos como socios. Tiven que vir para saber o que era e atopeime con esa familia que elixes», desvela.

Isabel é das que creen que o cancro se vive e combater todos os días, pero si que son necesarias a celebracións dos días mundiais para dar información e visibilizar a enfermidade na rúa. Por iso estará hoxe na concentración de mans rosas que se desenvolverá ás 12 horas na praza da Peregrina.

Hoxe en día segue a tratamento, pero só cunha pastilla de quimio. É positiva por natureza e intenta que os efectos secundarios que arrastra non lle quiten as ganas de vivir. «Teño dor de ósos e danme cadros vagales, báixame a tensión e as pulsaciones e me desmaio». Por iso chegou á entrevista cun holter e están estudando o seu corazón. Non pode facer esforzos, pero ten moitas ganas de achegar o seu gran de area como voluntaria.

Dous días á semana pásase polo despacho compartido que a AECC ten no Hospital Provincial. «Informamos os servizos da asociación, que son gratuítos, algo que moita xente descoñece. A través da asistente social poder conseguir perrucas ou cremas e ata che poden axudar a pórche un pano».

Ela, que tiña unha longa melena, levou turbante «desde o minuto cero». Aínda non se sente preparada para facer de voluntaria na unidade de coidados paliativos ou en domicilios, pero agarda conseguilo máis adiante. No seu caso, o apoio da familia e a súa vontade foi «a metade do tratamento» para gañar a batalla ao cancro.

Para soportalo

Unha enfermidade que Isabel define como «moi hipócrita». E explícase. «O enfermo cala moitas cousas por non ferir á súa familia, e a familia tamén sorrí para non cargar máis ao enfermo». Ela mesma ocultoulle á súa nai, moi maior, que tivo cancro. «Ela asocia cancro a matar e preferín non dicirllo». De aí, a importancia do apoio que brindan os profesionais sanitarios e asociacións como a AECC. «Aínda que o cancro moitas veces non che rouba a vida, si cha cambia tanto... A nivel persoal, profesional... pasas a depender doutros e é duro», remacha.