Manu acabou expulsado no túnel de vestiarios e é baixa ante o Ferrol

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

OPA RACING

MARTINA MISER

Dúas frases críticas coa actuación arbitral custáronlle a vermella directa ao mediocentro. Rafa Sáez, obrigado a buscar recambio para o puntal da súa medular

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«¡Lamentable, lamentable! ¡Menudo arbitraje tan lamentable!» Estas dúas exclamacións dirixidas a un dos dous asistentes do colexiado ourensán Manuel Casanova Cudeiro custáronlle a Manu Rodríguez a tarxeta vermella no túnel de vestiarios da Lomba, cando o 0-2 co que o Bergantiños reafirmaba a súa condición de líder do grupo galego da Terceira resultaba xa inapelable concluído o partido. Unha amonestación que pasou inadvertida o domingo, e que supón unha penalización extra para o conxunto arlequinado, por canto perde o puntal da súa medular como mínimo para o seguinte encontro de Liga; o que este domingo, desde as seis da tarde de novo na Lomba, medirá os de Rafa Sáez a outro dos xigantes da categoría, o Racing Ferrol.

Preguntado pola cuestión, e sen entrar en fonduras, o técnico do Arousa comentou onte que «non me pareceu que houbera nada especial» no túnel de vestiarios, «moito menos motivo de expulsión». Rafa Sáez engade que «os xogadores acertan e equivócanse, os árbitros acertan e equivócanse; non sei en que punto dos dous extremos estamos» no tocante aos apuntamentos que Manu Rodríguez lle fixo o domingo a un dos asistentes.

Dáse a circunstancia de que o árbitro xa expulsara a Miguel Domínguez, técnico axudante de Rafa Sáez, durante o descanso, tamén, recóllese na acta do encontro, «por protestar de forma ostensible una decisión del asistente número 1 -o mesmo ao que se dirixíu medio partido despois Manu Rodríguez- en el túnel de vestuarios». Como o seu compañeiro, o central arlequinado Cristóbal tamén foi amonestado unha vez concluído o choque co Bergantiños, só que no seu caso cun cartón amarelo «por hacer observaciones de carácter técnico».

O adestrador do Arousa recoñece que «non poder contar con Manu Rodríguez é un problema», máxime cando o seguinte compromiso é fronte a un Racing Ferrol que aspira a comezar a carburar despois de sumar tan só a metade dos primeiros 24 puntos en xogo na Liga, e escalar posicións para estabilizarse na zona de promoción co obxectivo de regresar á Segunda B pola vía rápida.

A baixa de Manu Rodríguez, fixo no once titular do Arousa, priva a Rafa Sáez do seu home de confianza na zona de creación, do pivote que lle dá a continuidade e o equilibrio á verticalidade do fútbol do Arousa desde a zaga á vangarda. Sobre como pretende suplir tamaña ausencia, se con Mou ou con Trapero acompañando a Julio Rey, e se baralla un cambio de debuxo no sistema do equipo, o técnico pontevedrés sinala que onte inda tocaba «procesar o partido do pasado domingo. A partir do mércores comezaremos a pensar no vindeiro». A lo menos o golpe nun pé de Chiqui, que obrigou á súa substitución ante o Bergantiños, quedou nun susto.