Rías Baixas incrementa a cotización dos seus albariños no mercado nacional

É a segunda denominación en venda de viño branco en España, só detrás de Rueda


cambados / a voz

Nos últimos doce meses, Rías Baixas conseguiu incrementar a cotización dos seus viños no mercado nacional. Esa é a principal conclusión que se extrae do informe anual do mercado de viños con denominación de orixe Rías Baixas que onte presentou a consultora Nielsen no pazo de Mugartegui. Os resultados dese documento reflicten o bo momento que atravesa o sector. «Mantivemos a nosa presenza no mercado nacional e melloramos o valor do noso produto. Esa é a liña por onde creo que debemos seguir», asegurou o presidente do consello regulador, Juan Gil.

«O crecemento en volume está practicamente estable, crece pero de forma moi moderada», explicou Ricardo Alarcón, comercial de Nielsen. Esa é a única nota negativa dun informe que, polo demais, reflicte a boa posición que os albariños teñen no mercado nacional. Rías Baixas segue sendo a segunda denominación de orixe en venda de viño branco en España, só por detrás de Rueda . Unha posición que esta moi lonxe de verse ameazada. «Hai marxe, moitá marxe. De feito, si comparamos os datos cos do 2016 Rías Baixas gañou participación», argumenta Alarcón. Explica que a situación non afecta só ao sector do albariño. «O comportamento no mercado das grandes denominacións de orixe neste momento atópase estancado en volume», sostén.

«O noso crecemento en volume non pode ser indefinido e, a partir de aí, temos que crecer o valor, que é o que vai procurar a riqueza para o noso territorio», explicou o presidente de Rías Baixas. E iso tamén o logrou a denominación de orixe. Segundo Nielsen, o prezo medio do albariño creceu en torno ao 7 %, tanto en alimentación como en hostalería Esta tendencia permítelle continuar cun diferencial de prezos importante respecto ao resto de denominación de orixe con peso no mercado dos brancos. Pero é que, ademais, este incremento no prezo medio prodúcese «porque o consumidor compra viños de maior prezo medio, polo que hai unha revalorización deste produto», explica Alarcón. É máis, sostén que esta revalorización xa se detectou nos dous exercicios anteriores, «aínda que agora é máis acusada», conclúe o técnico de Nielsen.

Por sectores

O informe tamén constata que Rías Baixas mantén a súa cota de mercado en 2,9 puntos, afianzándose na sétima posición dentro do ránking de denominacións de orixe que máis venden no mercado nacional. Por sectores, en hostalería Rías Baixas ocupa o quinto lugar, pois o 3,5 % do viño que se comercializa en España é albariño. Algo menor é a súa presenza en alimentación, onde a súa cota de mercado é do 2,2 %, ocupando o décimo lugar na lista das denominacións de orixe que máis venden. Pero o comportamento do albariño non é o mesmo nestas dúas canles. En alimentación, as vendas creceron notablemente en volume durante o pasado ano, cun lixeiro incremento de prezos medios de venda. En hostalería, en cambio, diminúe lixeiramente o volume. Por tipos de establecemento, destaca o peso dos albariños en hoteis, restaurantes, bares e cafeterías, pero este último ano chama especialmente a atención o crecemento destes viños en grandes supermercados.

Para terminar, os técnicos de Nielsen recomenda á denominación de orixe aumentar e reforzar a presenza dos seus viños naquelas zonas onde está menos implantado o seu consumo, como poden ser o sur e o nordeste de España.

As adegas conseguiron incrementar

o prezo medio

nun 7 %

O 3,5 % do viño que se vende no sector hostaleiro de España é

Rías Baixas

Perda de presenza no noroeste, que se compensa noutras rexións

En xeral, o mercado do viño con denominación de orixe suma novamente un lixeiro aumento, do 0,8 %, sendo o único segmento que crece, fronte á redución de volume dos viños sen indicación xeográfica. Dentro dese contexto, explican en Nielsen, o viño branco mantén o seu dinamismo, xunto aos viños rosados. De feito, Rías Baixas mantén a segunda posición na lista de denominacións que máis branco venden en España, cunha cota de mercado do 10,5. Pero o que si se rexistra é a perda de presenza en zonas nas que, ata agora, era hexemónica. «É o punto máis negativo. Rías Baixas perde participación no noroeste, pero é que tamén é a zona na que é máis forte», explica Alarcón. Argumenta que esta denominación e Ribeiro copan o 60 % das vendas de viño nesa rexión «polo que é normal que agora se vexa afectada o crecemento doutras denominacións como Valdeorras ou Monterrei», insiste.

Esta perda de presenza viuse compensada, en cambio, co crecemento que as vendas experimentaron noutras rexións nas que o albariño non tiña tanta presenza. «Vese o esforzo que vén facendo por gañar notoriedade en territorios que non son os habituais desta denominación», engade Alarcón. É o caso da área de Madrid, do centro de España e incluso de Cataluña. «Os viños de Rías Baixas manteñen signos positivos na práctica totalidade de áreas, con especial fincapé na metropolitana de Madrid, onde estes viños ascenden unha posición», engaden desde o consello regulador. Ademais, os técnicos de Nielsen tamén destacan que, en todas as áreas de España, os Rías Baixas atópanse entre as cinco primeiras denominacións máis vendidas.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

Rías Baixas incrementa a cotización dos seus albariños no mercado nacional