Caldas crea un comité de crise para reclamar solucións para o río e o encoro do Umia

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

AROUSA

M.C.

Sanidade insta agora ao Concello a alertar do risco do baño

30 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Os catro grupos políticos do Concello de Caldas de Reis decidiron este mércores crear un comité de crise para acordar medidas e reclamar á Xunta que recupere o tramo urbano do Umia e solvente o problema de contaminación por cianobacterias que sofre o encoro da Baxe. O alcalde, Juan Manuel Rey (PSOE), comentou que se valorou unha situación que se considera «grave» e que é recorrente, «sen que a Administración autonómica faga nada». «Este ano a alerta empezou a principios de xullo e parece que o peor está por vir», apuntou. A primeira medida será enviar un informe e unha carta á institución do Valedor do Pobo, por entender que a Xunta xa coñece dabondo o problema.

Este mércores, a media mañá, o Concello recibiu un escrito de Sanidade no que insta á Administración local a que publicite con carteis que a auga do río non é apta para o baño. «Dei orde para que se coloquen eses carteis, un no dique e outra na fervenza de Segade», desvelou o rexedor.

A Consellería de Medio Ambiente publicou onte novas análises da auga da presa, correspondentes ao 27 de agosto. Aínda que o número de células da alga Microcystis baixa no encoro e na cola con respecto ao dato anterior, a presenza de cianobacterias multiplicouse por cinco no punto de control de Segade, en Caldas. Algo que desde fai unhas xornadas xa se nota na depuradora, onde funciona o autolavado dos filtros, con dous procesos diarios, cando o normal é un ou ningún. Por iso, o Concello non descarta solicitar que a Administración galega asuma o sobrecusto en depuración pola alga.

Desde a oposición confían en que ese gabinete de crise sirva de verdade para esixir o que é de xustiza. Desde Independentes de Caldas (ICdR) o seu portavoz, Fernando Pérez, aludiu a que a aspiración é que o río circule libre e cualificou de «lexítima» a proposta sobre os sobrecustos de depuración. Manuel Fariña, concelleiro do BNG, remachou que o problema do encoro é «de saúde pública».