A Deputación dá os pasos para implantar a compostaxe de xeito «irreversible»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

emilio moldes

A Administración subvencionará aos concellos do Plan Revitaliza para que poidan contratar mestres composteros

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O mesmo día no que o Parlamento Europeo aprobaba a nova normativa que obriga a xestionar de forma separada vos bioresiduos e aprobou ir paulatinamente incrementando a reciclaxe de residuos urbanos ata acadar o 65 % no 2035, César Mosquera anunciaba unha batería de medidas encamiñadas a dar «un paso decisivo e irreversible polo que o plan de compostaxe non vai ter volta atrás na provincia». Deste xeito, a xunta de goberno ten previsto aprobar hoxe unha iniciativa para subvencionar a concellos adheridos ao Plan Revitaliza para que poidan contratar mestres composteros no período comprendido entre este ano e o 2020 para a xestión dos restos orgánicos que se xeren.

En principio, as axudas posibilitarán a contratación dun global de corenta profesionais, de tal modo que preto dun centenar de persoas estarán directamente vinculadas á compostaxe na provincia de Pontevedra. Neste sentido, o vicepresidente da Deputación precisou que a intención é dispor dunha bolsa de emprego que incluirá un «un amplo número de aspirantes, se ben soamente estarán operativos ou traballando ata un máximo de corenta ao mesmo tempo para dar cobertura ás necesidades de persoal municipal a medida que se vaian producindo».

Deste xeito, os concellos beneficiaranse cun máximo de catro traballadores, cifra que, en todo caso, determinarase en función da poboación, do número de unidades modulares de compostaxe e centros de compostaxe comunitaria do municipio, pero tamén das necesidades determinadas polo grao de implantación do Plan Revitaliza.

O persoal, a clave

«Sabemos que o persoal é a clave do bo funcionamento do sistema. Pode haber incidencias nos centros de compostaxe e nós o que queremos é aportar o persoal para resolvelas de maneira eficaz e solvente», incidiu César Mosquera.

Paralelamente, a Deputación provincial ten intención de duplicar os depósitos comunitarios coa adxudicación de catrocentas unidades modulares para crear centros de compostaxe comunitarios. En practícaa, isto supón, en palabras do vicepresidente da Deputación, duplicar os centros que existen na actualidade, tendo en conta que, na actualidade, hai 62 instalados, aos que habería que sumar os situados en Pontevedra.

César Mosquera resaltou que existe unha alta demanda. De feito, mostrouse convencido de que «en pouco tempo estas unidades esgotaranse, polo que teremos que ver se mercamos máis».

Máis composteros individuais

Como terceira medida prevista, a xunta de goberno adxudicará os 1.500 composteros individuais de exterior que se distribuirán na provincia. César Mosquera, quen estivo acompañado por Carlos Pérez, responsable técnico do Plan Revitaliza, entre outros, destacou o feito de que «se trata da primeira vez que a Deputación reparte estes composteiros debido a que xa estaban relativamente extendidos, aínda que non xestionados de xeito óptimo».

Para paliar as deficiencias detectadas, a cada persoa que se lle asigne un destes depósitos, entregaráselle un aireador e un termómetro. «Achegamos ferramentas deseñadas especialmente para a compostaxe», medida que se complementará coas visitas dos técnicos aos domicilios de particulares, os cales poderán liquidar calquera dúbida a través do correo electrónico ou do teléfono.

Neste punto, Carlos Pérez mostrouse convencido de que «o foco de atención europeo en compostaxe comunitario está en Pontevedra nestes momentos».