Pepe Rubianes ten a súa rúa na Barceloneta

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O nome do cómico nado en Vilaxoán incorporouse ao rueiro de Barcelona mentres Serrat cantáballe

16 abr 2018 . Actualizado ás 07:50 h.

Cando se foi, Pepe Rubianes (Vilaxoán, 1947; Barcelona, 2009) deixou neste mundo un bo puñado de viúvas que cada ano lle rin e chóranlle. Pero a única lexítima, apostólica e romana é Lucila Aguilera, coa que o cómico galaico-catalá, así é como lle gustaba definirse, casou en 1973. O noso home destronou onte ao mesmísimo almirante Cervera, arrebatándolle o nome da rúa da Barceloneta que agora se chama como o actor. «Non cho perdas, porque fai esquina con Juan de Borbón, ti, Rubianes con Juan de Borbón; isto a Pepe encantoulle», subliña Lucila un paradoxo digno de figurar nun dos seus monólogos. «Aínda que chegou a Barcelona con tres anos, eu creo que Pepe era moi galego, na súa casa falábase galego, os seus pais eran moi simpáticos, non deixaba de falar da Lagoa, do seu tío Lelo, que era máximo, un surrealista deses que tedes en Galicia, estivemos alí, na casa de Vilaxoán, e el ten moita, moita influencia galega».

«Na arte do monólogo e de actuar só, enchendo un escenario, Pepe foi inspirador para moitos de nós», sinala Manel Fuentes , que onte se encargou de conducir a homenaxe. O sábado chovera, pero o domingo amenceu radiante en Barcelona. Moita xente congregouse nunha rúa chula, que vai de mar a mar, onde o actor fixou a súa última residencia. A súa irmá Carmen recitou con catro rapsodas varios poemas do cómico. As integrantes do grupo das viúvas contaron as súas cousas con Pepe. Por alí deixáronse caer María Rosales , a xornalista Rosana Torres, Andreu Buenafuente, Joan Lluís Bozzo, Joan Gràcia, de Tricicle, José Corbacho, o actor Francesc Orella, o pare Manel ou Pep Molina, entre outros moitos amics. Sobrevoou o carrer o recordo de Carles Flavià, amigo da alma que xa tampouco está. E puxeron banda sonora Èric Vinaixa e, sobre todo, Joan Manuel Serrat, quen, acompañado ao piano, cantou Seria Fantàstic antes de que a alcaldesa, Ada Colau, fixese relucir a placa ao sol entre algunha que outra bágoa.

Non houbo, que se saiba, representación de Vilaxoán. Intentárono o presidente da asociación de veciños, Xoán Mariño, e Teo Cardalda. Tamén, desde o País Vasco, a exconcejala socialista e vilaxoanesa de prol Dolores Couso, Coca. Pero non puido ser. Tranquilos. Haberá unha mellor oportunidade. Facendo cumprir, por exemplo, o acordo plenario polo que Vilagarcía bautiza o centro sociocultural do Preguntoiro como Pepe Rubianes. O asunto aprobouse en tempos da alcaldesa Dolores García e segue agardando. Non iremos a ser menos que a Barceloneta, non?