Un diálogo entre artistas que tiran do fío

AROUSA

MARTINA MISER

AROUSA É TENDENCIA EN VODAS Chaves leva corenta anos expresándose coa arte. Franco Quintáns é un prestixioso deseñador de traxes de noiva. Combinando as súas creacións, deron vida a un catálogo de moda nupcial que é toda unha homenaxe a esta terra.

24 feb 2018 . Actualizado ás 19:46 h.

No estudo fai frío. Un frío teimoso, deses que se filtran entre os pliegues da roupa e se enseñorean nas puntas dos dedos (das mans e dos pés). Xaquín Chaves, o artista anfitrión, olfatea con familiaridade o xélido ambiente. «Tolero ben ou frío, é importante para a creación», di. Sorrí. Ao seu lado, Franco Quintáns debuxa con outro sorriso a súa rotunda desconformidade. Cústalle quitarse o abrigo, e a bufanda, e as luvas. O frío, que só se marchará cando a cheminea se acenda, é a única pega que se lle pode pór, nun día de inverno, a este escondido recuncho da parroquia de Lois (Ribadumia). Un espazo que cheira a pintura e a lenzo, que está presidido por unha enorme mesa de traballo manchada de arte e de verdade, que mostra unha colección de vinilos disciplinadamente colocada nun andel e un acolledor sofá no que valería a pena sentarse a escoitar a música. Este lugar foi o escenario de parte do catálogo da colección nupcial Arousa do carrilexo Franco Quintáns. Unha colección de fotos nas que a arte e a moda fúndense, xogan e manteñen un diálogo fluído, cheo de cores e texturas.

Recoñece Franco Quintáns que chegou a Chaves por casualidade. Sabía exactamente que quería para o seu catálogo, pero non sabía onde atopalo. «Quería mostrar unha Arousa moderna, luminosa, vibrante», relata. Quería o modisto mostrar unha terra que, como a poesía, está cargada de futuro. Unha voz amiga empurrouno cara á Rosa do Mar, unha impoñente escultura de trece metros de altura azul, colocada xunto á ría, no porto de Vilagarcía. «Só se pode ver desde o mar, por iso non a coñecía. Cando a vin quedei alucinado. Era coma se unha nave espacial aterrase en Ferrazo. Pensei que iso era, xustamente, o que quería», confesa Franco Quintáns. Así comezou todo. O primeiro paso foi lograr a bendición do artista que fraguou a escultura. «Pareceume unha boa idea: a colección e a Rosa do Mar falaban do mesmo», conta Chaves.

A colección Arousa atopara a súa casa. Unha delas. Porque a feliz colaboración destes dous talentos arousáns aínda ía dar máis de si. «[Franco Quintáns] díxome que estaba a buscar un xardín xaponés. Díxenlle que eu tiña un no meu estudio». Cando foi a inspeccionar o lugar, o deseñador atopou a terceira peza para a triloxía na que, na súa cabeza, dividira o catálogo: o estudo. As fotos tomáronse con meses de diferenza. En xullo foi o porto. No outono, o xardín. En decembro, co frío enroscándose nos cadros, o recuncho do artista.

As OBSESIÓNS

Moda, pintura e escultura fundíronse nun abrazo fotográfico. E deron, a dous creadores que se moven por mundos moi diferentes, a oportunidade de descubrir todo o que teñen en común. O chispazo da creatividade, que chega ás veces de forma inesperada. O coñecemento profundo dos materiais e das ferramentas. O valor da artesanía. A necesidade de illarse dun mundo demasiado cambiante, demasiado esixente, demasiado ruidoso. A insatisfacción, as dúbidas e as certezas. A procura constante desa identidade que fai que unha obra sexa recoñecible sen ser repetitiva. A obsesión por contar algo novo. A importancia de saber cando chegou a hora de pór o punto final. Ou o punto e seguido. Porque Franco Quintáns está inmerso, estes días, en dar os últimos retoques á súa nova colección, que se presentará o 14 de marzo no Palacio Fernán Núñez (Madrid). E Chaves, con 40 anos de artista ás súas costas, tomarase unha ano para mirar atrás, botar contas coa vida e «baleirar as paredes» antes de seguir. No camiño.