O Salnés clama contra os incendiarios

A. garrido / M. Miser VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os arousáns acoden ás concentracións de repulsa ante a barbarie que arrasa Galicia

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O cheiro a fume que durante todo a xornada se mascaba no Salnés facía imposible esquecer o que sucedera a noite anterior. Unha noite no inferno para moito dos habitantes da comarca, que saíron ás rúas a última hora da tarde para clamar contra os incendiarios. Vilagarcía, Cambados e O Grove, como tantas outras cidades de Galicia, acolleron concentracións cidadás ante os concellos para protestar ante a barbarie.

En Cambados foi María José Cacabelos a encargada de ler o manifesto. Non foron só cambadeses os que acudiron ante o concello, posto que había tamén concelleiro de Ribadumia e unha nutrida representación da Illa, con bandeira e todo.

Media hora máis tarde que en Cambados, e cun minuto de silencio en homenaxe aos falecidos durante a vaga de incendios, comezou a concentración en Vilagarcía. Na praza de Galicia déronse cita ao redor de medio milleiro de persoas con representación de practicamente todos os partidos políticos e tamén co alcalde Alberto Varela entre os asistentes.

María del Carmen Piñeiro, secretaria da mancomunidade de montes de Vilagarcía, foi quen leu o comunicado. Un comunicado que, a pesar de que na súa introdución avogaba por non lanzar puyas contra o PP nuns momentos nos que o máis importante é recuperar a normalidade, gardaba unha notable carga de profundidade e máis dun ataque directo ao goberno de Alberto Núñez Feijoo.

A lectura viuse acompañada por berros de Lumes nunca máis e unha vez finalizada deuse por concluído o acto.

O Grove tamén quixo expresar a súa repulsa ante o que está a suceder e foron unhas duascentas as persoas que se concentraron no Corgo.