Unha noite en vela en Armenteira

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso MEIS / LA VOZ

AROUSA

MARUXA ALFONSO

O lume cercou as súas casas e os veciños tiveron que buscar un aloxamento alternativo, outros quedaron pero non se atreveron a ir a cama ata que empezou a chover

17 oct 2017 . Actualizado ás 11:57 h.

«Hoxe tiven que ir durmir coa miña prima porque preto da miña casa había lume». Claudia, unha nena de dez anos de Cabeza de Boi, en Armenteira, viviu como unha aventura o sucedido na noite do pasado domingo. Peor o leva a súa nai, Cristina, que case é incapaz de lembrar o medo que pasou sen que se lle salten as bágoas. «Estábamos tomando algo por aí e, cando chegamos, en dez minutos o lume rodeou toda a casa», relata. Todas as testemuñas coinciden en destacar a rapidez coa que se propagou o lume, que pasou de ser unha ameaza afastada a cercar as súas vivendas en cuestión de minutos. Por fortuna, todo quedou nun susto. Non houbo nin animais nin casas queimadas. A moitos aínda lles tremen as pernas. E iso que non é a primeira vez que viven algo así, pois o lume cercou as súas vivendas tamén no 2006.

«Empezou a cheirar a fume e, ao pouco, a horta estaba chea de muxicas. Tiven que coller á nena e marchar», conta Isaura. Tamén a ela, como á súa veciña Cristina, sáltanlle as bágoas ao lembrar o medo que pasou. Ela preferiu marcharse, ir durmir a casa un dun familiar. Cristina e o seu marido Manuel, en cambio, quedaron. Coa auga do pozo primeiro, e coa da piscina despois, conseguiron evitar que o lume incendiase a súa vivenda. Tiveron axuda. «Os bombeiros estiveron moi ben, déronlle prioridade ás casas», explica Cristina. Entre todos conseguiron evitar a desgraza. «Estivemos botando auga ata que secou o pozo, mentres os bombeiros foron cargar», engade.

Pozos secos

Non foron os únicos. De feito, na estrada hai restos de mangueiras que quedaron esquecidas tras unha noite de traballos. O problema era a auga. «Temos os pozos secos», lamentábase unha veciña a mesma noite do incendio. A seca nótase especialmente nunhas casas que, na súa maioría, non ten abastecemento de auga, senón pozos. «Eu coa auga xa me coido moito, porque non hai», aseguraba outra residente. Aínda así, na noite do domingo todos axudaron co que tiñan, aínda que non fose a súa casa.

Un pouco máis adiante destas vivendas está o núcleo de Gondes, un dos máis afectados o lume. A Enrique, Noelia e Gloria chamounos unha veciña, para advertirlles de que había un incendio. «Nun principio non pensamos que houbera lume, víase unha fumareda pero como dicían que tamén había lume en Soutelo de Montes e por aí..», explica Enrique. Ao pouco tempo, empezaron a ver «lapas de lume», explica Gloria. «Parecían bombillas voadoras, era follas acendidas», relata Enrique, que ían deixando lume ao seu paso. Entón chegou a Garda Civil, que lles pediu que abandonases as súas vivendas de forma inmediata. Así o fixeron. Marcháronse e non regresaron ata o luns pola mañá. Con eles atopamos a Anxo, un parente que vive unhas casas máis abaixo. El foi dos que quedou a axudar. «As catro da mañá xa tiñamos todo controlado e empezou a chover media hora despois», asegura.

Soa en casa

A María Teresa o lume pillouna soa en casa. «Xa non me acordo nin o que pasou», conta. Foi das primeiras en alertar aos bombeiros, cando viron o lume en Fofán. «Aos dez minutos xa o tiñamos aquí», explica. Colleu o coche e xunto coa súa familia, e un veciño que vive só, fóronse á rotonda de Armenteira. Alí había máis residentes desaloxados, agardando a ver que pasaba coas súas vivendas. Alí estiveron ata as catro da mañá e, a pesar de que o Concello lles ofreceu aloxamento, decidiu regresar á súa casa. Hoxe tamén chora ao lembralo. Pasou medo, moito. Do mesmo xeito que no 2006. Son xa demasiadas, as veces que viu a súa casa cercada polo lume.

Manuel e Cristina usaron a auga da súa piscina para evitar que o lume afectase á súa casa

Os veciños de Godes tiveron que abandonar as súas casas en plena noite