«Pódese aprender de todo tipo de música. Mesmo do reggaeton»

La Voz

AROUSA

30 may 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Non podemos evitar preguntarnos se, despois de traballar todo o día entre notas e partituras, entre arranxos musicais e ensaios, a Manu Conde quedan ganas de escoitar música cando se toma un respiro. «Encántame», di rotundo. «Escoito todo tipo de música, porque penso que de toda se pode aprender. Incluso da que non che gusta». Tamén do reggaeton?. «Tamén do reggaeton», asevera.

«Abarco de todo», di o músico valgués. Pero recoñece que nutre o seu espírito, sobre todo, de música clásica. E é que, a pouco que prestes atención, atopas os grandes compositores en todos lados. «Sobretodo no tema das bandas sonoras... Case todo ten ecos aos clásicos, de Wagner a Chaikovski. A fin de contas, todo está inspirado en algo. Ou, como dixo Carl Orff, todo o que non é tradición é un plaxio?».

Camiñando sobre esa fina liña sobre a que deben moverse todos os autores, todos os artistas, o valgués Manu Conde segue enchendo o seu currículo de compositor de bandas sonoras. Abriuno hai xa uns anos, cando puxo a música a un curto de Manuel Abad, Contar. E a partir de aí non deixou de dar pasos, de compor as melodías que acompañan aos personaxes de películas para televisión como O Tesouro ou O bonito crime do carabineiro, ou aos atribulados protagonistas de series como Serramoura (por esta música estivo nomeado dúas veces aos Mestre Mateo) ou Urxencia Cero.