Bo papel dos internacionais do Obradoiro con Portugal e Suecia

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A.SOLER

Epi disporá de tres días para traballar con todo o persoal antes de recibir ao Fuenlabrada

01 dic 2025 . Actualizado á 21:23 h.

O primeiro persoal do Monbus Obradoiro renovou os adestramentos este luns tras gozar dunha fin de semana longa de descanso e á espera de que se incorporen os internacionais, tras xogar coas súas seleccións. Os tres completaron un bo papel.

Brito xa está en Compostela tras ser titular con Portugal nos dous compromisos. En Montenegro, con vitoria lusa, 62-83, sumou neve puntos, colleu catro rebotes e repartiu catro asistencias, en 22 minutos.

Repetiu titularidade na casa, fronte a Grecia, no choque que gañaron os helenos, 68-76. En 23 minutos totalizou dez puntos e capturou trece rexeites.

Suecia abriu o seu periplo visitando á República Checa, liderada por Satoransky. Tanto Andersson como Lundqvist tiveron unha actuación destacada. O pivote foi titular e completou 25 minutos, nos que anotou catorce puntos e colleu tres rebotes. Lundqvist, saíndo desde o banco, acabou con quince puntos e un rebote en 26 minutos. O máximo realizador foi outro xogador do Primeira FEB, Tobias Borg, do Palencia, con 18 puntos.

Os dous internacionais escandinavos do Monbus Obradoiro volveron completar un bo expediente no partido ante Eslovenia. Suecia, que xogou a remolque no marcador, rematou perdendo: 83-94. No último cuarto non lle entraron os triplos no seu intento por recortar e incorreu en numerosas precipitacións.

Do mesmo xeito que ante a República Checa, Denzel Anderson entrou no cinco inicial e Olle Lundqvist empezou no banco pero acabou sendo un dos que máis tempo xogou.

O pivote, que acabou eliminado por cinco faltas persoais, estivo en pista 24 minutos nos que entregou un cartón de seis puntos e un rebote. O seu compañeiro sumou en todos os apartados: catorce puntos, catro rebotes e dúas asistencias en 26 minutos.

Está previsto que tanto Lundqvist como Andersson viaxen este martes ata Compostela, de modo que Epi disporá de tres días para traballar con todo o persoal co punto de mira posto no Fuenlabrada.