Álex Suárez: «A cara bonita vese máis, a das frustracións non chega igual»

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

A á pivote do Obradoiro resalta que en Sar atopou «tranquilidade e felicidade»

10 feb 2023 . Actualizado ás 14:27 h.

Álex Suárez (Mahón, 1993) é un dos capitáns do Monbus Obradoiro. Coñece a cara doce do baloncesto, pero tamén o lado escarpado. En Santiago está a gozar do deporte que máis lle gusta.

—Como prendeu en vostede a mecha do baloncesto?

—O noivo da miña irmá Carol regaloume unha pelota e unha canastra. Aí comecei a xogar un pouco. Despois empecei a practicar fútbol, baloncesto, xadrez. Houbo un momento no que non podía chegar a todos os deportes, os meus pais dixéronme que tiña que elixir un e onde mellor mo pasaba era no baloncesto.

—Tardou moito en dar o salto á canteira do Joventut?

—En cadete de segundo ano funme a Mallorca, no meu primeiro ano fóra de casa, a un centro de tecnificación. E de alí directamente a Badalona, en júnior de primeiro.

—Que ten de especial a base da Penya, a que máis produce e de xeito máis continuado?

—Hai moi bos adestradores. E recordo que co meu compañeiro de piso, Jonas Caaven, finlandés, moitas veces quedabámonos nas pistas auxiliares despois de adestrar. Ver aos nenos de 6 e 7 anos cunha técnica individual tremenda encantábame

—E con 22 anos o Real Madrid.

—Recordo o meu último ano en Badalona con moito cariño. Aquel equipo era tremendo, e os resultados acompañaron. Xogamos semifinais da Copa do Rey contra o Real Madrid en Gran Canaria e chegamos aos play off. Chegoume esa chamada. Sempre me gustou moito o Real Madrid e non o podía deixar pasar.

—A partir de aí, con todo, a gráfica da súa traxectoria cambia.

—Son decisións. Se foi boa ou mala, non o sabes. Era o que sentía nese momento. Estou moi contento coa miña traxectoria.

—Ía polo lado de que tamén lle tocou vivir unha parte máis ingrata, e non é doado.

—A cara bonita é a que se ve máis, a que lle chega á xente. E somos persoas. A parte das frustracións non chega igual. E a case todo o mundo lle toca pasar tamén por isto. Cando as cousas saen, é froito do sacrificio e o traballo diario.

—De feito, tivo que dar un xiro que non foi doado.

—Non vou dicir que non gozaba co baloncesto, pero eran momentos complicados mentalmente. Non che saían as cousas, os resultados non acompañaban... Estaba en Zaragoza e chegoume a opción de ir a Portugal. Pareceume que necesitaba un cambio de aires, saír do foco e sentirme como cando xogaba en LEB Prata. Gardo moi bos recordos desa experiencia, con Arturo Álvarez como adestrador. Paseino moi ben. Deume esa confianza para facer cousas diferentes.

—Foi difícil resetear?

—Tiña moi claro que necesitaba un cambio de aires. Tamén había algunha oferta para ir a Alemaña e Italia. Portugal estaba máis preto, era un proxecto atractivo e non me custou decidirme.

—E agora o seu terceiro ano en Sar.

É o seu reencontro coa continuidade?

—Recibíronme cos brazos abertos, desde o primeiro día sentinme como en casa. Xusto cando cheguei estaba Pepe Pozas, moi amigo meu. Axudoume a estar como en casa. Estou moi cómodo en Santiago coa xente, co club, cos xogadores. Intento achegar o meu granito de area.

—Que lle está dando o Obra?

—Felicidade, tranquilidade. Estar contento no día a día faime feliz.

—A clave de bóveda deste Obradoiro está na defensa?

—Estamos a remar todas nunha dirección cunha defensa moi sólida, e iso é o que nos permite facer bos ataques. Ás veces non saen as cousas, pero se a defensa está ben, como o outro día, pódesche levar o partido.

—Xa se o de partido a partido, pero pídolle un esforzo. Bote a vista máis aló do parón. Como ve o que resta de curso?

—Pois só vexo o partido contra o Xirona. Despois hai xogadores que van coas súas seleccións e vén a Copa, unha cita que gusta a todo o mundo. Virá ben o parón para recuperar e logo xa veremos. Agárdannos desprazamentos moi complicados.

—É xa o gurú, o guía espiritual das quedadas para os novos?

—Bo, collín un pouco a substitución de Pepe. Xunto con Álvaro, sempre que podemos levámolos a comer ou cear a algún sitio dos que gustan. Ao final, iso fai equipo.

—Que é o que máis lles sorprende aos novos?

—O tema do polbo, das zamburiñas, que nos seus países non poden comer.

«Aíto é un mestre, a Marc Gasol non hai que presentalo»

O Monbus Obradoiro prepara a fondo a vista a Xirona.

—Aíto e Marc Gasol fan especial o partido do sábado?

—Xusto comentaba coa miña noiva que non xoguei nunca en Fontajau. Faime ilusión. Aíto é un mestre. A Marc Gasol non hai que presentalo. Imos con ganas de seguir facendo o noso baloncesto e a ver se conseguimos a vitoria.

—Aíto sempre fala do proceso, e parece que está atopando a chave do equipo.

—Os comezos foron complicados, pero xa se ha visto que os equipos de Aíto van xogando mellor co paso das xornadas. Na segunda volta van ser moi perigosos.

—Ver a alguén con 76 anos e coma se non pasase o tempo impresiona.

—Leva o baloncesto dentro, corre polo seu sangue, e sabe como transmitilo aos xogadores. É un gusto, sobre todo para os mozos, que en Xirona poden gozar de Aíto e de Marc Gasol.

—Cales son os puntos fortes do equipo?

—Fan un xogo moi vistoso, non moi complicado. Son perigoso ao contraataque. Teñen xente nova rápida, como Fjellerup. Gasol reparte moi ben o xogo. Quino Colom atravesa un estado de forma incrible, Prkacin está a xogar ben ao catro, Miletic...

—Como vai as súas costas?

—Mellor. Foi complicado o día do partido. Non sabía se ía xogar. Ao final puiden axudar. As costas non avisa. Son cousas que che dan e quedas un pouco pillado, pero conseguín xogar.

—Para o sábado, non se descarta.

—Non. Sempre que poida vou estar na batalla.