O Obradoiro fixo o que puido en Andorra: 86-73

ANDAR MIUDIÑO

F. Mallol LOF

Ellenson sumouse á lista de baixas nun partido que se lle escapou en tres minutos do terceiro cuarto

04 dic 2021 . Actualizado ás 20:05 h.

O Monbus Obradoiro viuse obrigado a facer un exercicio de supervivencia en Andorra. Álex Suárez e Beliauskas, lesionados, non viaxaron. Tampouco a última incorporación, Edgar Vicedo, que se sumará ao grupo este luns. A última hora caeu da convocatoria Henry Ellenson, por unha indisposición estomacal. Nin sequera puido ser inscrito na acta. E cabe lembrar que Robertson e Scrubb estaban o mates coa súa selección na República Dominicana. Acusou máis a readaptación horaria o segundo que o primeiro. O equipo aguantou o que puido, vinte minutos. E acabou cedendo: 86-73.

O colectivo de Moncho Fernández soubo sobreporse a todas as adversidades e aguantar o tipo na primeira parte. Empezou cunha zona ficticia e sostívose no cuarto inicial combinado refachos de acerto cunha boa actividade no rebote ofensivo.

O único lunar nos primeiros dez minutos remite ás perdas de balón, que sempre penalizan e máis ante rivais como o Andorra, con xogadores que saen como frechas. Custáronlle cinco puntos.

O Obra conseguía neutralizar as dúas principais ameazas locais en ataque, Hannah e McIntyre. Chegou a tomar unha renda de seis puntos. Pero fóiselle diluíndo en canto o conxunto de Ibon Navarro puido correr e anotar nos primeiros segundos da posesión.

O segundo cuarto arrincou cun cinco atípico nas filas compostelás: Zurbriggen, Oliver, Robertson, Scrubb e Okouo, reflexo inequívoco de como estaban as cousas á hora de tratar de administrar forzas.

O partido seguiu por unha canle similar. O Obradoiro apertaba os dentes e aferrábase á súa sorte, coa axuda puntual dos triplos. O Andorra intentaba converter o partido nun continuo ida e volta. Así se chegou ao descanso con táboas no marcador, coa sensación de que os visitantes facían o que podían e un pouco máis, mentres os locais non remataban de impor o ritmo que máis lles interesaba.

De volta dos vestiarios o partido escapóuselle ao Obra en tres minutos. Nese tramo o equipo atascouse e o rival, con McIntyre ao volante, impuxo o seu xogo físico. Con 53-43 Moncho Fernández pediu tempo morto e resumiuno claramente na súa mensaxe aos xogadores: «Perdemos cada duelo individual, non é a táctica». Foron tres minutos que o mataron.

A análise do Alquimista de Pontepedriña chegou ao grupo, pero por un momento foi contraproducente. Dous moi boas defensas do equipo custáronlle un triplo afortunado de Mekel e outro de Morgan case ao límite da posesión.

En todo caso, o Obradoiro freou a hemorraxia e entre os puntos de Birutis e os arreones de Robertson pechou o terceiro acto dez abaixo. Todo iso nun cuarto sen triplos santiagueses. Por aí tamén se lle escapou o choque tras o intermedio.

Ao colectivo de Moncho Fernández víaselle xusto de gasolina e de recursos. E esa impresión acentuouse no último cuarto. O Andorra apertou un pouco máis en defensa, mellorou as súas prestacións no rebote ofensivo e abriu algo máis unha fenda que acabou en trece puntos.

Ficha técnica

Andorra 86: Hannah (2), McIntyre (9), Noua (13), Nakic (10) e Diagne (9) -cinco inicial-. Paulí (8), Olumuyiwa (8), Colom (7), Morgan (10), Arteaga e Mekel (10)-.

Obradoiro 73: Hobbs (8), Robertson (20), Álvaro Muñoz (10), Filipovity e Birutis (18) -cinco inicial-. Scrubb (5), Okouo (2), Oliver (2), Huguet (2) e Zurbriggen (6).

Parciais en cada cuarto: 20-21; 20-19; 25-15 e 21-18.

Árbitros: Peruga, Araña e Sánchez Cutillas.

Incidencias: Poliesportiu D'Andorra. Duodécima xornada da Liga Endesa.