Ellenson ten claro o seu papel e ve ao equipo na dirección correcta

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

PACO RODRÍGUEZ

Considera que a fiestra FIBA chegoulle ao Obradoiro nun bo momento

30 novs 2021 . Actualizado ás 19:47 h.

Henry Ellenson afronta no Monbus Obradoiro a súa primeira experiencia profesional en Europa, despois de cinco tempadas na NBA. Empezou a súa carreira moi nova, con só 19 anos, tras ser elixido no posto 18 do draft. En Sar quere reencontrarse co seu mellor baloncesto. Está a gozar da experiencia, sabe que pode dar máis de si e é niso no que se centra, sen ínfulas.

Non se escuda no feito de alternar dúas posicións, o catro e o cinco. Antes ao contrario: «Desenvolverche no cinco neste equipo probablemente implique estar máis involucrado no xogo porque a pelota pasa moitas veces polas túas mans e tes que estar pendente dos bloqueos. Noutros equipos que me puxeron ao cinco facían cambios, pero non como aquí. Adáptome, adestro en ambas as posicións e non hai problema, síntome cómodo en ambas. Todo depende do que o equipo necesite de min, tamén do que requira o partido. Por exemplo, ante o Zaragoza, no último cuarto xoguei máis ao cinco».

O pivote americano considera que a semana de parón pola fiestra FIBA chegou en bo momento, tanto para el como para o grupo: «Aproveitei para adestrar con Víctor e veume ben porque nos centramos naqueles aspectos nos que tiña que traballar persoalmente. Fixemos moito exercicio en equipo pero tamén moito traballo individual, o cal para min foi moi beneficioso de cara a mellorar no tiro, por exemplo con sesións de vinte lanzamentos seguidos. Penso que foi unha boa semana de traballo e tamén para os xogadores que están lesionados, para que se poidan recuperar e unirse á disciplina de grupo no mes de decembro con forza».

Ellenson ve ao colectivo nunha boa liña e está convencido de que a vitoria ante o Zaragoza servirá para tomar impulso: «Síntome contento co meu último partido e, como equipo, creo que estivemos aí nos últimos encontros neste mes de novembro. Creo que demos un paso na boa dirección. Quitando o partido do Barcelona, nos demais tivemos opcións. Por exemplo, no de Bilbao . Creo que demos un paso adiante na dirección correcta e estou a desexar que os mozos volvan do parón FIBA para continuar nesta liña no mes de decembro, porque penso que temos o talento para gañar. Persoalmente, síntome mellor, se o que debo facer para axudar ao equipo a gañar. No que se refire aos triplos, penso que o aumento na miña intensidade ofensiva axudarame con estes lanzamentos».

O pivote garda bo recordo dos campus aos que asistía cando era neno e será un máis dos xogadores do Obradoiro que acudan ao de Nadal.