Inimigos íntimos

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

17 oct 2021 . Actualizado ás 00:10 h.

Xogaba Murcia de amarelo e «non tiñan pinta de ter vindo a repartir o correo». A primeira defensa penalizáronlla con dúas faltas e Sito protestou. Tardaron catro minutos en pitarlles outra. E volveu protestar. Enfrontarche a eles é como reencontrarche un par de veces ao ano co matón do cole, a cada oportunidade teslle máis ganas e sentes que as forzas están máis equilibradas, pero como pega o desgraciado. O malo é que non só che gaña porque defenda ao límite do regulamento, tamén ten puntos dentro e fóra; de xogo controlado, eses que o Obra ten estudados e acostuma minimizar (non esta vez) e de xogo menos controlado, eses que dependen máis do día que teñan McFadden & Taylor is rich and my mother's the kitchen. Pitaba Conde e non tiña pinta de ter vindo a leala. O mesmo pensei cando, o meu primeiro día na facultade, vin sentado en primeira fila ao chivato do cole pero esa é outra historia. Dous triplos de Vermellas, problemas en ataque, 8-18. Tempo morto. Murcia seguía anotando en ataque e pegando detrás. Pitáronlles sete faltas no primeiro cuarto, Sito protestou oito. 13-28. Dúas faltas en 6 minutos do segundo cuarto, técnica a Moncho . Hobbs non tiña o día, Ellenson e Robertson non atopaban posicións de tiro, se Birutis metía unha canastra respondían cun triplo. Catro faltas do Obra e tres de Murcia no segundo cuarto, 32-55. O Obra tiña moi mala pinta, tombárono no medio da pista e trataron de reanimalo. Non habería un maldito médico no pavillón que se tivo que encargar Víctor Fábregas? Señor dáme paciencia, PERO XA. Mirei ao teito do pavillón e recei á camiseta do 14, «protéxeme da pólvora e do dedo». Cando rematei de rezar, Moncho ía camiño do vestiario e Sito seguía protestando.

Cambiemos de tema, enorme detalle do club e de Tonecho agardar uns días para non facerlle sombra ao anuncio de retirada de Pau Gasol. A final de contas, Gasol ten dous aneis da NBA porque Colón, onde ías, perexil?, descubriu América por casualidade. En cambio Tonecho, que fose lenda do fútbol pero, pés no chan, atontao, o 14 xa o tiña Cruyff, gaña todos os anos o título de mellor amigo. Grazas xa que logo, Capitán.